Barcelos é o lugar de Pontevedra onde se multa a máis vehículos por mal estacionamento
Por Redacción
Cantos coches foron multados polo multamóbil durante 2015? A memoria da Policía Local sitúa a cifra en 4.558, o que supón un 36,7% das sancións que se estableceron por aparcar indebidamente. O informe tamén recolle que a súa entrada en servizo permitiu que os axentes poidan dedicarse a outros servizos.
O documento balance das intervencións da Policía Local durante o pasado ano tamén indica que a maior parte das denuncias de tráfico (673) rexístranse na praza de Barcelos, debido ao exceso de tempo no uso dos aparcadoiros destinados a servizos. Precisamente, a céntrica praza afronta durante esta semana Santa as obras para pasar a converterse en semipeonil e os estacionamentos serán só de servizos.
A rúa Eduardo Pondal é a segunda zona na que se tramitan máis denuncias (470) seguida pola avenida de Bos Aires (395), San Antoniño (386) e a rúa Echegaray (369). Con todo, a segunda rúa na que máis vehículos retira o servizo do guindastre, despois da praza de Barcelos (216), é a de Augusto García Sánchez con 211 vehículos retirados durante 2015.
Un 32% das sancións por mal estacionamento foron acompañadas da intervención do guindastre para levar o turismo. Os enganches sitúanse en 4.279 fronte aos 4.546 de 2014. Máis do 75% destas retiradas foron como consecuencia de que os vehículos se atopaban aparcados en zonas de servizos ou de carga e descarga.
En total, a Policía Local impuxo ao longo do pasado ano 13.166 sancións por infrinxir as normas de tráfico fronte ás 14.553 rexistradas durante 2014. A gran maioría, 10.410, derivadas do mal estacionamento, segundo despréndese do informe. O 61% dos infractores non residen en Pontevedra. Entre eles o 45,7% procedían doutro concello da provincia e o resto, un 15,7%, son visitantes.
REINCIDENTES
Ata 13 denuncias suma un mesmo vehículo por cometer distintas infraccións, segundo consta no apartado de sancións administrativas. Non é o único caso sorprendente. Outro turismo suma oito infraccións e outros tres vehículos acumulan sete sancións.
Un vehículo sumou ata 13 denuncias durante 2015
Segundo a Policía Local trátase de casos extraordinarios porque no informe recóllese que existe unha maior sensibilización entre os condutores, o que provocou o descenso das infraccións detectadas. O portavoz da Policía Local, Manuel Omil, entende que desta forma está a cumprirse co obxectivo dos medios postos para o control do tráfico.
Relacionadas:
-
Estacionar mal en Augusto García Sánchez ou Barcelos, a sanción de tráfico máis frecuente en 2020 en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Augusto García Sánchez, a rúa onde máis sanciona o Ollomóbil
Por Anxo Lourido |
-
Denuncian que o 'multamóbil' da Policía Local circula co airbag desactivado
Por Redacción |
-
A Policía Local atendeu unha media de 80 chamadas ao día durante 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Un coche embiste a outro provocando o atropelo dunha nena
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local resolveu o pasado ano 55 conflitos entre pontevedreses mediante a mediación
Por Alejandro Espiño |
-
Barcelos comeza a cambiar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |