O PP de Cuntis recolle as queixas polo "estado de abandono" do colexio público Don Aurelio
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Cuntis fíxose eco das queixas de numerosos pais polo "estado de abandono" do colexio público Don Aurelio para pedirlle unha solución o goberno local.
Segundo explican os populares, neste centro de ensino hai diversos desperfectos como reixas caídas e incluso algún cableado á vista. "O colexio cáenos a cachos", din resumindo as incidencias.
O voceiro do PP, o ex alcalde Antonio Pena, di non entender por que criticaban tanto cando os partidos políticos que hoxe gobernan estaban na oposición "e agora pasan de todo". Asegura estar "sorprendido" sabendo ademáis que as visitas ao colexio por parte dos tres grupos políticos "son constantes".
Dende o PP lembran que este "caos" tamén afecta ao personal xa que hai máis de tres meses que o colexio non conta con conserxe, o que xa provocou "serias discrepancias entre a institución educativa e a municipal en plenos pasados no que incluso se chegou a esixir por parte do director do colexio ao alcalde que pedira desculpas públicas".
Non entende tampouco o Partido Popular municipal como tendo recibido o Concello una subvención da Deputación de Pontevedra en marzo de 2015 para o arranxo das pistas deportivas que están detrás do colexio "a día de hoxe seguen sen adecentarse".
"Acaso están á espera de que remate o prazo de execución?", pregunta o voceiro do PP, Antonio Pena que lembrou que o goberno local trasladoulles aos pais que ao voltar das vacacións de Nadal o colexio contaría con estas melloras, "o que non lles dixeron foi de que Nadal nin de que ano", engadiu.
Finalmente o grupo da oposición en Cuntis destaca que a "falta de dilixencia" do goberno local provocará que o colexio e o alumnado perdan de novo as subvencións municipais destinadas a colaborar coa excursión de cuarto de ESO e tamén a destinada ao programa de Normalización Lingüística.
Relacionadas:
-
O goberno local de Cuntis di que "o único que sabe facer o PP é mentir"
Por Redacción |
-
Os nenos de Cuntis e "o mundo que queremos"
Por Redacción |
-
Cae parte do falso teito no colexio público Don Aurelio de Cuntis
Por Redacción |
-
Preocupación en Cuntis pola perda de alumnado do colexio do municipio
Por Redacción |