O goberno local de Cuntis di que "o único que sabe facer o PP é mentir"
Por Redacción
O goberno local de Cuntis (PSdG-PSOE e BNG) considera "inaudita" a protesta levada a cabo polo PP en canto ás actuacións no colexio Don Aurelio, por ser "incorrectas, falsas e sen contido nin xustificación".
Desde o comezo desta lexislatura, o actual goberno recordou que, aparte do mantemento diario, levouse a cabo a renovación da totalidade da iluminación exterior (cun orzamento de 3.522,04 euros), a reparación do tellado do patio de infantil e limpeza de todos os canalóns (1.246,30 euros), a colocación de canalóns solicitada pola ANPA (2.889,18 euros) ademáis da poda das árbores e limpeza das instalacións exteriores e reparación de distintas deficiencias interirores durante as vacacións do Nadal (1.800 euros).
O total investido no colexio Don Aurelio polo actual goberno municipal é de 9.457, 52 euros, aparte do mantemento ordinario antes mencionado.
MELLORA DE VIAIS E PISTAS
Do mesmo xeito, o goberno local indicou que o expediente de contratación da obra de mellora de viais e pistas no colexio Don Aurelio foi solicitada á Deputación o 30 de marzo do 2015.
O goberno local de Cuntis considera "inaudita" a protesta levada a cabo polo PP
No momento de entrar no goberno, encargouse o proxecto de obra "que non existía". Unha vez realizado o dito proxecto, o 11 de agosto do 2015, o arquitecto técnico municipal realiza un infome e solicita as autorizacións sectoriais correspondentes.
O permiso do Ministerio de Fomento foi recibido o 17 de novembro e o 5 de novembro recibese a autorización de Patrimonio, e ata o 7 de marzo do 2016 non chegou permiso de Augas de Galicia para realizar a obra, que for informado días despois favorablemente polo interventor para poder, o 21 de marzo, asinarse o decreto de inicio do expediente de contratación.
O 30 de marzo remitese a petición de ofertas, rematando o prazo para a presentación das mesmas o 09 de abril de 2016.
O orzamento total destas obras ascende a 21.608,76 euros sen impostos.
CONSERXE
No referente ao conserxe deste colexio, a primeira baixa do funcionario que presta o servizo de conserxe foi o 13 de outubro de 2015. Solicitado informe aos servizos técnicos municipais, informaron desfavorablemente a convocatoria de substitución.
O 29 de xaneiro do 2016 ten entrada informe médico no que se califica a baixa como de larga duración.
O día 2 de marzo apróbase o decreto de convocatoria da praza sendo publicada o día 23 de marzo no boletín.
SUBVENCIÓNS
Con respecto ás subvencións percibidas polo colexio, o goberno local asegura que o Concello non denegou ningunha subvención, e que tanto a subvención nominativa de axuda para a excursión de fin de curso como a axuda de normalización lingüística foron aprobadas en Pleno Municipal extraordinario celebrado o día 7 de agosto de 2015.
Unha vez publicadas no BOPPO e pasado o prazo legal, fixose comunicación ás entidades e asociacións beneficiarias de ditas subvencións para que no prazo citado entregasen toda a documentación xustificativa.
Con rexistro de saída do 1 de decembro, enviouse un requerimento para que dende o colexio se aportase unha serie de documentación que faltaba dentro da xustificación de dita subvención, e dábase un prazo de 10 días para aportala, estirando moito xa os prazos legais nos cales se estaban a mover.
Con data do 14 de decembro, dáse rexistro de saída dende o Don Aurelio a un documento no cal se especifica que se envía a documentación requerida.
O 17 de decembro, a técnica de cultura, elabora un informe no cal se especifica que seguen sen aportarse a seguinte documentacion: facturas regulamentarias ou documentos do valor probatorio equivalente no tráfico mercantil; certificado de estar ao corrente co Concello de Cuntis e mostras materiais da realización da actividade subvencionada. Deste xeito, e non tendo prazo para a presentación de dita documentación, isto implica a perda da citada subvención.
Con data do 20 de xaneiro, Leopoldo Moure Dopico, interventor do Concello de Cuntis, emite informe no cal especifica que a subvención se perde de conformidade co artigo 30.8 da Lei 38/2003, no cal se di que "el incumplimiento de la obligación de justificación de la subvención en los términos establecidos en este capítulo o la justificación insuficiente de la misma, llevará aparejado el reintrego en las condiciones previstas en el artículo 37 de esta ley".
"O PP de Cuntis debería traballar máis polas veciñas e veciños e deixarse de mentiras e falacias"
As subvencións nominativas do ano 2016 aínda non foron aprobadas en pleno, polo tanto non se iniciou o prazo legal para a súa concesión. "Indicar que unha vez máis serán denegadas é unha auténtica falacia", valoran dende o bipartito.
Ademais, o goberno local segue agardando que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenacion Universitaria, leve a cabo as promesas feitas na reunión mantida o 4 de decembro de 2015 na Delegación Territorial de Pontevedra, reunión á que asistiron membros do goberno local, o director do colexio e representantes da ANPA.
"O PP de Cuntis debería traballar máis polas veciñas e veciños e deixarse de mentiras e falacias", sentenzan dende o goberno local.