O xulgado de Cambados volve chamar a declarar a Louzán por un delito de suborno
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados volveu citar a declarar ao presidente provincial do PP e ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, polo caso aberto en relación coa compra e posterior aluguer con sobrecusto de tres baixos comerciais na zona de Navia, en Vigo. O xuíz xa o chamara en marzo de 2015, momento no que o político 'popular' había optado por acollerse ao seu dereito a non declarar.
Nesta ocasión, a citación é para o vindeiro luns 22 de marzo, ás 16.00 horas, e está chamado a comparecer en calidade de investigado, a antiga figura do imputado. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz, José Manuel Hermo, acordou a súa citación despois de que el mesmo solicitase ser chamado a declarar.
O procedemento, que se segue pola lei do xurado, mantén investigados a Louzán; a súa esposa, María Teresa Cores Fernández; e o ex deputado provincial do PP e concelleiro en Pazos de Borbén Severino Reguera. Este último compareceu ante o xuíz de Cambados esta semana tamén a petición propia e explicou que o acordo comercial que mantén con Louzán, polo que lle paga o aluguer dos citados baixos, pertence ao seu ámbito privado e non político.
O caso deriva dunha denuncia anónima presentada no ano 2013 tras facerse pública a declaración de bens patrimoniais dos deputados provinciais, e que relaciona a Rafael Louzán e á súa muller co cobro dun prezo de aluguer de baixos comerciais moi por encima do estipulado para outros inmobles similares nesa zona de Navia na cidade viguesa. Severino Reguera ten arrendados eses locais.
A querela contra Louzán e a súa muller que agora está a investigar o xulgado presentouse polo delito de suborno continuado do artigo 422 do Código Penal, que recolle a actuación da "autoridade ou funcionario público que, en proveito propio ou dun terceiro, admitise, por si ou por persoa interposta, dádiva ou agasallo que lle foren ofrecidos en consideración ao seu cargo ou función". O delito pode derivar nunha pena de prisión de seis meses a un ano e a suspensión de emprego e cargo público dun a tres anos.
No caso do deputado Severino Reguera, a imputacion é polo delito de suborno impropio continuado do artigo 424 Código Penal, un delito no que se persegue ao "particular que ofrecer ou entregar dádiva ou retribución de calquera outra clase a unha autoridade, funcionario público ou persoa que participe no exercicio da función pública para que realice un acto contrario aos deberes inherentes ao seu cargo ou un acto propio do seu cargo, para que non realice ou atrase o que debese practicar, ou en consideración ao seu cargo ou función". Será castigado coas mesmas penas de prisión e multa que a autoridade, funcionario ou persoa corrompida.
Relacionadas:
-
Louzán, citado a declarar como investigado nun xulgado de Lugo por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
"Creo sinceramente que este caso se existe é porque me chamo Rafael Louzán e fun presidente da Deputación"
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide un ano de prisión para Louzán por un delito de aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
Louzán presume no xulgado de Cambados de que foi "totalmente transparente" polos alugueres de Navia
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Louzán logra aprazar a súa declaración en Cambados por suborno por "cuestións personais"
Por Redacción |
-
O xuíz decide seguir adiante coa causa por aceptación de suborno contra Louzán e el opta por non declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Louzán declarará como imputado por 'cohecho' continuado no caso dos alugueres de Vigo
Por Redacción | Creada e actualizada