O xuíz decide seguir adiante coa causa por aceptación de suborno contra Louzán e el opta por non declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; a súa esposa, María Teresa Cores Fernández; e o deputado provincial do PP Severino Reguera están oficialmente imputados polo delito de aceptación de suborno (en castelán, 'cohecho') continuado en relación coa compra e posterior aluguer con sobrecusto de tres baixos comerciais na zona de Navia, en Vigo. O Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 2 de Cambados decidiu este mércores continuar coa tramitación do procedemento pola lei do xurado cos tres como imputados e acordou xa a práctica das primeiras dilixencias, entre elas a declaración de todos eles. Todos se acolleron ao seu dereito a non declarar.
Louzán, a súa esposa e Severino Reguera (elixido como concelleiro en Pazos de Borbén) estaban citados para unha comparecencia prevista no artigo 25 da Lei do Xurado na que o fiscal do caso, Augusto Santaló, confirmou a súa imputación e as defensas dos tres imputados alegaron contra esta. Oídas as partes, o xuíz número 2 de Cambados, José Manuel Hermo, podía decidir se continuaba co procedemento ou arquivaba a causa tal e como lle pediron os avogados defensores e optou por seguir adiante coa causa. O acto xudicial supuxo, desta forma, a confirmación das imputacións contra os que ata ese momento eran investigados.
Louzán chegou sereno e camiñando aos xulgados de Cambados uns minutos antes das 17.00 horas, momento para o que estaba citado, e prestou declaración ante os medios de comunicación presentes queixándose de que el, como figura pública, se vía sometido a unha dobre presión, pois "teño dúas comparecencias hoxe, a que teño aquí con ustedes (en relación aos xornalistas) e a que teño ahí dentro" ."O cidadán Rafael terá que comparecer dúas veces, dentro e aquí e así sucesivamente", lamentaba, ao tempo que mostraba a súa "total e absoluta" colaboración coa Xustiza: "estarei para todo aquilo que se me pida e se me pregunte". Dúas horas e media máis tarde, cando chegou o momento de declarar non o fixo.
Á súa saída dos xulgados, arredor das 20.00 horas e visiblemente canso, asegurou que non declarara porque se fixera tarde, "son camiño das oito dá tarde e quizáis habera que facelo noutro momento" e reiterou o seu "respecto á labor xudicial" e que os seus avogados achegarán a documentación solicitada polo xuíz. Un pouco nervioso ao principo da súa longa declaración ante os numerosos medios de comunicación presentes, Louzán mantivo en todo momento a súa inocencia e defendeu o seu "bo proceder" nunha forma de actuar que circunscribe ao ámbito "estritamente privado".
"Ningunha das decisións que eu tomei na Deputación teñen relación con este caso, que eu tivera xestioando algunha cousa para favorecer a esta persoa", asegurou, mentres que o fiscal sostén que si, pois el e a súa esposa adquiriron uns locais comerciais en Navia "sabiendo que el precio de la compra iba a ser pagado por la empresa de una persona que también ejerce cargo político en el mismo organismo y mismo partido (Severino Reguera), y cuya proyección política depende de aquel".
Esa acusación figura na querela inicial de Augusto Santaló, que este mércores confirmou "con algunas modificaciones" pero Louzán se defendeu dela ante os medios e asegurou que ten tres potestades como presidente provincial que poderían ter beneficiado a Severino Reguera e non optou por ningunha delas. Trátase de nomealo vicepresidente, deputado con dedicación exclusiva ou membro da Xunta de Goberno, tres cargos cos que tería mellores retribucións, pero "non fixen nada para poder darlle algún deses cargos" e é un deputado máis que só cobra por asistencia a plenos e comisións.
Precisamente, o fiscal, que tamén falou ao remate da comparecencia, pediu ao xuíz que acordara como dilixencia de proba que a Deputación Provincial achegase todas as retribucións que recibe Reguera. O xuíz acordou pedir esa documentación e tamén outras como a declaración das persoas que lles venderon os citados baixos comerciais. Ademais, a defensa de Louzán e a súa muller pediu, como proba, que declaren ante o xuíz os responsables dunha empresa inmobiliaria que subscribe un informe segundo o cal eses locais non están alugados con sobreprecio, senón con tarifas de mercado.
Louzán sostén que "hai probas máis que suficientes" para corroborar iso último, pois na mesma rúa "hai prezos máis altos e máis baixos" e asegura que se trata de "un acordo puramente mercantil", pero o fiscal recorda que "es un contrato de derecho privado, pero entre dos personas de derecho público, dos personas que están en la Deputación", ademais de lamentar que non quixese declarar.