Louzán declarará como imputado por 'cohecho' continuado no caso dos alugueres de Vigo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O presidente da Deputación Provincial e do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, declarará como imputado ante o Xulgado de Cambados por un delito de 'cohecho' (suborno en galego) continuado polos supostos sobreprezos nos alugueres duns locais comerciais en Navia (Vigo) que investigou a Fiscalía a raíz da denuncia dun particular.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou este venres que o Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 2 de Cambados admitiu a trámite a querela presentada pola Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra.
A querela admitida a trámite implica dúas persoas máis. Trátase da esposa do presidente provincial, María Teresa Cores Fernández, como cotitular dos baixos comerciais investigados; e do deputado do PP de Pazos de Borbén Severino Reguera Varela, persoa que lle aluga os citados baixos para a súa empresa de panadarías.
No caso de Louzán e a súa muller a querela presentouse polo delito de suborno continuado do artigo 422 do Código Penal, que recolle a actuación da "autoridade ou funcionario público que, en proveito propio ou dun terceiro, admitise, por si ou por persoa interposta, dádiva ou regalo que lle foran ofrecidos en consideración ao seu cargo ou función,". O delito pode derivar nunha pena de prisión de seis meses a un ano e a suspensión de emprego e cargo público dun a tres anos.
O Xulgado de Cambados admitiu a trámite a querela presentada pola Fiscalía contra Louzán, a súa esposa e o deputado do PP Severino Reguera
No caso do deputado Severino Reguera, a imputacion é polo delito de suborno impropio continuado do artigo 424 Código Penal, un delito no que se persegue o "particular que ofrecer ou entregar dádiva ou retribución de calquera outra clase a unha autoridade, funcionario público ou persoa que participe no exercicio da función pública para que realice un acto contrario aos deberes inherentes ao seu cargo ou un acto propio do seu cargo, para que non realice ou atrase o que debese practicar, ou en consideración ao seu cargo ou función". Será castigado coas mesmas penas de prisión e multa que a autoridade, funcionario ou persoa corrompida.
Unha vez admitida a trámite a querela, o xuíz acordou diferentes dilixencias de proba e que os tres querelados declaren como imputados. Ata o momento, non se sinalou día para a súa declaración. Os tres foron citados xa en calidade de investigados ante o fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, no edificio xudicial da Parda a principios de marzo e ningún quixo declarar.
O caso derívase dunha denuncia anónima presentada no ano 2013 tras facerse pública a declaración de bens patrimoniais dos deputados provinciais, e que relaciona Rafael Louzán e a súa muller co cobramento dun prezo de aluguer de baixos comerciais moi por enriba do estipulado para outros inmobles similares nesa zona de Navia na cidade viguesa. O deputado 'popular' Severino Reguera é quen ten arrendados eses locais.
COMUNICADO DE LOUZÁN
Rafael Louzán emitíu un comunicado ás 15.00 horas deste venres 9 admitindo a solicitude por parte do Xulgado da documentación e a súa propia declaración. O presidente da Deputación sinala, a continuación, que a querela da Fiscalía ten a súa orixe nunha denuncia anónima que versa sobre unha "relación mercantil circunscrita ao meu estrito ámbeto privado".
O comunicado finaliza reclamando rapidez xudicial neste caso: "Espero, desexo e confío en que o Xulgado actúe coa máxima celeridade posible en aras do definitivo esclarecemento dunha cuestión da que eu son o máximo interesado en que se aclare".
A última hora da tarde, no acto de presentación do libro 'Pontevedra: de vuelta y media' de Rafael López Torre no Sexto edificio do Museo, o presidente do Partido Popular provincial declarou que non se sentía preocupado e que non lle sorprendeu que teña sido chamado a declarar como imputado "porque unha vez que a Fiscalía traslada unha querela se tramita para que se poida facer a declaración oportuna".
Relacionadas:
-
Louzán, citado a declarar como investigado nun xulgado de Lugo por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía pide un ano de prisión para Louzán por un delito de aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
O xulgado de Cambados volve chamar a declarar a Louzán por un delito de suborno
Por Natalia Puga |
-
O xuíz decide seguir adiante coa causa por aceptación de suborno contra Louzán e el opta por non declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xulgado rexeita o arquivo da causa contra Louzán, a súa esposa e un deputado de Pazos de Borbén
Por Redacción |
-
A Fiscalía presentará unha querela pola investigación na que se implica a Louzán, a súa esposa e un deputado
Por Redacción |
-
Louzán declara ante o fiscal sobre o seu patrimonio pola denuncia dun particular
Por Redacción | Creada e actualizada