Consultora Galega estima que o PXOM quedaría listo por 200.000 euros máis
Por Redacción
O director xeral de Consultora Galega compareceu ante a comisión especial sobre o Plan Xeral de Ordenación Urbana, que preside a representante municipal de Ciudadanos, María Rey. O representante da empresa que elaborou o documento do PXOM baixo mandatos do BNG indicou que ese traballo podería ser aplicable na actualidade cunha adaptación á nova lei do solo que se espera entre en vigor o próximo 9 de febreiro.
O custo desta adaptación sería de 200.000 euros, pero non se estableceron prazos de entrega. O técnico afirmou que a causa de que o plan non continuase debeuse á negativa da Xunta de Galicia a aceptar a cifra de edificabilidade de 25 mil vivendas en 20 anos que propoñía o goberno local. Unha cifra que a administración autonómica quería reducir a 20.000.
Esta declaración, segundo a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, responde a unha versión de parte dunha empresa que se atopa nun litixio co Concello de Pontevedra ao que lle reclama unha cantidade por uns servizos na elaboración dese plan que os técnicos municipais entenden que non lle corresponden. Segundo sinalou a concelleira, o plan non se paralizou pola diferenza de 5.000 vivendas coa Xunta de Galicia senón que se solicitou a esta administración unha solución para resolver o informe "duro" contra o plan presentado e os técnicos autonómicos negáronse a ofrecer unha resposta por escrito.
Ademais, Da Silva engadiu que a situación de Ence segue sendo un obstáculo para a aprobación do plan. Segundo expón, para que a Xunta aprobe o PXOM é necesario cualificar os terreos como industriais, un aspecto ao que se nega o goberno local que entende que a sociedade pontevedresa quere devolvelos a dominio público. A concelleira insistiu en que co plan actual non existe ningún problema urbanístico e Pontevedra é un "modelo internacional en canto a calidade urbana".
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, desde o Partido Popular enténdese que, a raíz das declaracións do técnico de Consultora Galega, sería un erro encargar a redacción dunha novo PXOM porque a maior parte do anterior documento é aproveitable. José Luis Martín, concelleiro popular, entende que o goberno do BNG non quixo sacar adiante o PXOM e por iso a cidade atópase "coja". Acompañado por César Abal, ambos os edís populares manteñen que se o Bloque quere, Pontevedra pode contar en breve cun novo Plan.
Abal indicou que mesmo se pode deixar sen delimitar a zona de Lourizán para evitar a catalogación dos terreos que ocupa Ence como solo industrial. Con todo, evitou pronunciarse sobre se esa posibilidade supoñería a desaparición de Elnosa, xa que a electroquímica non podería adaptarse á nova normativa.
PARTIDO SOCIALISTA
Iván Puentes, representante do grupo municipal socialista, considera que a intervención do técnico deixou en evidencia as "mentiras" do goberno local ao entender que o Concello non remitiu á Xunta o plan elaborado para que os técnicos autonómicos determinasen se cumpría as condicións da Lei do Solo. E lamentou que o goberno local gardase nun caixón o documento sen comunicarlle á empresa a paralización dos traballos.
Os socialistas reclamaron a presenza da secretaria xeral de Urbanismo da Xunta para o mes de marzo co obxectivo de tratar o tema de Ence. Actualmente a Xunta de Galicia ten cualificados os terreos como industriais e desde o PSOE esperan que se cualifiquen como zona verde no momento en que a empresa abandone esta contorna.
MAREA PONTEVEDRA
Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra, incidiu tamén en que a paralización dos traballos foi unha decisión do goberno municipal e non da empresa redactora. Rei lamentou que o goberno local houbese decidido no seu momento evitar a presentación do PXOM alegando que "é mellor non presentar ningún plan porque a Vigo se retirou ou seu".
En canto aos terreos de Ence, Marea aposta porque o documento que marcará as directrices do urbanismo en Pontevedra non contemple a permanencia da pasteira na ría despois de 2018.
Esta comisión especial volverá reunirse a vindeira semana, segundo sinalou María Rey, atendendo á petición da concelleira Carme da Silva para que se revise o expediente e se analicen todos os detalles sobre a paralización do PXOM.
Relacionadas:
-
Os catro grupos da oposición pactan unha proposta para reactivar o PXOM e o BNG plántaos
Por Natalia Puga |
-
O PP propón que a comisión especial do PXOM se desprace a Santiago para resolver dúbidas con Urbanismo
Por Redacción |
-
A comisión do PXOM vólveselle en contra ao PP
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG estuda deixar de asistir á subcomisión do PXOM se segue sen avances
Por Natalia Puga |
-
A oposición solicita un informe aos técnicos municipais sobre o PXOM e o BNG négase a pedilo
Por Alejandro Espiño |
-
Consultora Galega, convocada á comisión do PXOM para explicar o plan redactado
Por Alejandro Espiño |
-
O PXOM, á espera da tramitación da nova Lei do Solo
Por Redacción |
-
María Rey presidirá a comisión especial do PXOM
Por Alejandro Espiño |