María Rey presidirá a comisión especial do PXOM, entre críticas de Marea, PSdeG-PSOE e PP
Por Alejandro Espiño
Non comezou con bo pé a comisión municipal para impulsar a redacción dun novo PXOM. E todo a partir da pugna para dirixila. María Rey, única concelleira de Ciudadanos na corporación municipal, será quen presida este organismo. A súa candidatura foi apoiada polos catro edís do BNG, o que xerou un enorme malestar en Luís Rei, portavoz de Marea, que se postulara para o posto co apoio de PSdeG-PSOE e Partido Popular.
Luís Rei, visiblemente desgustado, afirmou que con esta decisión desvélase o "pacto oculto" entre BNG e Ciudadanos, que provoca, di, que María Rei sexa a "concelleira número trece" dos nacionalistas, unha persoa á que recorren cando necesitan sacar adiante asuntos de certa transcendencia como as recentes modificacións de crédito ou, en breve, o orzamento municipal.
Ao portavoz de Marea chámalle a atención esta "unidade entre o nacionalismo galego e o nacionalismo español" e que o BNG como "abanderado da independencia galega" aliouse cun partido que, en Ferrol, "pedía anular o galego como idioma oficial".
María Rey asegurou, pola súa banda, que Ciudadanos "nunca apoyaríamos" a presidencia de Marea nesta comisión polas diferenzas ideolóxicas entre ambas as formacións e cualificou de "pataleta" a postura de Luís Rei "porque le quitamos su caramelo". En todo caso, enmarca esta disputa na "guerra abierta entre la vieja izquierda" e entende que o BNG votou por ela porque "era el mal menor".
En todo caso, a portavoz de Ciudadanos sinalou que presidirá esta comisión con "ánimo constructivo" e que avogará polo diálogo e o consenso entre todos os partidos. Lembrou que o seu partido levaba a aprobación dun novo PXOM no seu programa electoral e, nese sentido, a primeira acción será que un técnico explique aos membros da comisión "que é un PXOM" e se empece a revisar a nova lexislación.
A vicepresidenta desta comisión, que se reunirá o último xoves de cada mes, será Carme da Silva. Ninguén máis se presentou a este posto, a pesar de que inicialmente o perdedor da votación pola presidenta ía ocupar esa responsabilidade. A edil do BNG asegurou que apoiou a María Rei porque "pareceunos unha proposta construtiva" e desexou moito éxito a esta comisión e que os seus esforzos "sexan positivos para oos pontevedreses".
PSdeG-PSOE E PP ÚNENSE ÁS CRÍTICAS
Ao malestar de Marea uníronse tamén tanto o PP como o PSdeG-PSOE. Desde as filas populares, o edil José Luis Martín recoñeceu a súa "sorpresa" ante a "celeridad" coa que o BNG apoiou a María Rey, o que na súa opinión failles sospeitar que "cierto interés puede haber" en que sexa Ciudadanos o que presida esta comisión, suxerindo tamén a posibilidade de que haxa un pacto entre ambos os partidos que se estenda máis aló deste asunto.
Pola súa banda, Agustín Fernández tamén afirmou que "dá a sensación" de que entre BNG e Ciudadanos hai un "acordo tácito" e criticou que os nacionalistas decidisen pactar "con certa dereita" para desatascar asuntos de "certa transcendencia". En todo caso, o portavoz socialista sinalou que "veremos o que pasa nos próximos meses" porque lembrou que non é a primeira vez que María Rey "lle saca as castañas do lume" ao goberno municipal.
Ambos os partidos, que celebraron a constitución desta comisión, aproveitaron ademais para criticar que, despois de 16 anos de goberno do BNG, non se aprobou un novo plan urbanístico. José Luis Martín lamentou que Pontevedra "se esté haciendo a trozos" sen resolver os problemas da cidade e o portavoz socialista achacou a un alcalde "desaparecido e agotado" que no primeiros catro meses de mandato "non se presentou ningunha proposta medianamente importante".
Relacionadas:
-
O BNG estuda deixar de asistir á subcomisión do PXOM se segue sen avances
Por Natalia Puga |
-
Consultora Galega estima que o PXOM quedaría listo por 200.000 euros máis
Por Redacción |
-
Ciudadanos acusa de plaxio a Marea Pontevedra
Por Redacción |
-
Consultora Galega, convocada á comisión do PXOM para explicar o plan redactado
Por Alejandro Espiño |
-
O PXOM, á espera da tramitación da nova Lei do Solo
Por Redacción |
-
Novo 'asalto' da oposición en pleno para forzar o BNG a aprobar un novo PXOM
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva sobre a oposición e o PXOM: "Non se entende a non ser que sexa por postureo ou por cobrar un pouco máis"
Por Natalia Puga |
-
O PP chama a toda a oposición a un novo intento de "falar en serio do PXOM"
Por Redacción |