Consultora Galega, convocada á comisión do PXOM para explicar o plan redactado
Por Alejandro Espiño
Técnicos de Consultora Galega acudirán á próxima reunión da comisión do PXOM, que se celebrará antes de que conclúa este mes de xaneiro, para explicar os traballos realizados nos últimos anos na redacción do novo plan urbanístico de Pontevedra.
Así o acordaron este venres por unanimidade os membros desta comisión, segundo avanzou a súa presidenta, María Rey. A portavoz de Ciudadanos sinalou que estas explicacións permitirán establecer un "plan de trabajo" para retomar a redacción do PXOM. Ademais, tamén se manterán contactos coa secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e convocarase aos técnicos municipais.
Consultora Galega "está por la labor", dixo María Rey, de desbloquear este asunto, que chegou mesmo aos tribunais ao reclamar a empresa o pago de cantidades pendentes, "a ver si el Concello también lo está", asegurou. E é que a edil recoñeceu que despois dun "inicio que está bien hecho", produciuse unha ruptura entre a empresa e o goberno municipal "que no sabemos a qué se debe".
Ademais, os membros desta comisión -impulsada pola oposición- queren saber, en todo caso, que traballos dos que están feitos pódense aproveitar na actualidade, especialmente agora que a Xunta ultima a aprobación de novas leis en materia urbanística.
O PP PIDE RESPONSABILIDADES
Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, avanzou que o seu grupo solicitará aos técnicos municipais un informe xurídico que permita determinar se existen "responsabilidades" por parte do goberno municipal por gastarse "para nada" 1,2 millóns de euros na elaboración dun documento "que después se guardó en un cajón de forma deliberada".
Esta actitude "negligente" dos responsables municipais, segundo Moreira, podería agravarse porque na súa opinión parte do diñeiro co que se pagou á empresa proceden de subvencións con outras administracións para elaborar un PXOM "y al no aprobarse podría darse el caso de que quien haya otorgado las subvenciones pueda reclamar su devolución".
O GOBERNO MUNICIPAL APUNTA Á XUNTA
Mentres tanto, a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, lembrou unha vez máis que o PXOM redactado por Consultora Galega e aprobado inicialmente por unanimidade da corporación municipal foi enviado á Xunta, institución que emitiu un informe desfavorable, polo que reiterou que a responsabilidade de que Pontevedra careza dun documento actualizado "é da Xunta". Por iso, pediu aos seus compañeiros de comisión que "hai que ser serios".
Carme da Silva reiterou que, nestes momentos, Pontevedra está nunha "situación espléndida" en materia de urbanismo, cun plan "que serve para que a cidade medre, que se constrúa e que sexamos un referente no modelo urbano". Todo iso fronte ao "caos" que se vive noutras cidades galegas como Ourense ou Vigo, cidade que está, dixo, "na peor situación que pode estar", despois de que o Supremo declarase ilegal o seu PXOM.
"Meterse neste follón político para acabar como Vigo é unha irresponsabilidade absoluta", apuntou a edil do BNG, que lembrou que o plan da cidade olívica tamén foi redactado por Consultora Galega, a empresa que deseñou o frustrado plan pontevedrés.
Relacionadas:
-
O BNG estuda deixar de asistir á subcomisión do PXOM se segue sen avances
Por Natalia Puga |
-
Consultora Galega estima que o PXOM quedaría listo por 200.000 euros máis
Por Redacción |
-
O PXOM, á espera da tramitación da nova Lei do Solo
Por Redacción |
-
María Rey presidirá a comisión especial do PXOM
Por Alejandro Espiño |