O BNG estuda deixar de asistir á subcomisión do PXOM se segue sen avances
Por Natalia Puga
O grupo de goberno do Concello de Pontevedra, do BNG, estuda deixar de asistir á subcomisión creada na Comisión de Urbanismo para impulsar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Farao se a reunión segue sen avanzar e repítense sesións como a deste venres, da que a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, saíu coa sensación de que "hai quen pensa que ven ao Concello a pasantía, pero logo non quere facer os deberes".
Da Silva asegura que desde o primeiro momento ofreceu toda a colaboración aos grupos da oposición para esta comisión, pero que xa tivo "bastante paciencia", de modo que para "perder o tempo" está a estudar non seguir asistindo. Entre outros motivos, argumenta que algúns dos concelleiros asistentes á reunión piden informes técnicos sobre informacións que son públicas e que, de emitirse, supoñerían "entorpecer o normal funcionamento" dos distintos sevicios municipais ou que na sesión deste venres aínda descubriron a existencia de informes do ano 2007 que xa están superados.
As discrepancias entre o grupo de goberno e os catro grupos da oposición son evidentes desde a posta en marcha da comisión e este venres volveron facerse públicas. Discrepan xa na idea básica de que a oposición considera que é posible redactar un novo plan e considérano necesario e o BNG cre que nin é necesario nin factible nestes momentos. Respecto diso, Carme da Silva afirma que "neste momento é máis útil para a sociedade de Pontevedra ter un plan como ten, sen conflitos, sen inseguridade xurídica que meterse nunha leada como a de Vigo ou Ourense".
A presidenta da comisión, a concelleira de Ciudadanos (C's), María Rey, critica que o BNG asegure agora que o PXOM non está esgotado nin hai motivo de inseguridade xurídica cando nun informe de 2007 o equipo redactor do plan xa asegura que "nunca como agora resultou tan necesario". "Non entendemos, se en 2007 era necesario, que non o sexa en 2016", indica.
A representante de Ciudadanos cre que nas reunións si se avanza e anunciou que á próximo serán convidados representantes da Xunta de Galicia, en concreto, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, á que acordaron preguntarlle sobre dous aspectos. O primeiro será se é posible deixar fose do PXOM os terreos que ocupa a empresa Ence en Lourizán e os reservados para o hospital de Monte Carrasco e a segunda se a Administración autonómica "está dispuesta a limar asperezas con el Concello de Pontevedra". María Rey crer que si é posible deixar Ence fóra de plan.
O concelleiro do PP César Abal tamén cre que a pasteira pode quedar fóra do PXOM e móstrase moi crítico coa actitude do BNG, a quen acusa de "bloquear o plan xeral". Asegura que desde que se creou a comisión "se ha dedicado a crear atrancos" e, a pesar de todo, descubriuse que "se puede sacar el plan general si se tiene voluntad", pois non son ningún problema nin Ence nin a porcentaxe de edificabilidade.
Entre outras cuestións, critica que o grupo de Goberno impida aos técnicos municipais realizar informes para a subcomisión e repróchalle que se diga que a Xunta é "un mal endémico que nos impide hacer todo", cando non é certo, senón que nisto caso "fue el gobierno de Pontevedra el que nunca quiso hacer el segundo informe previo" sobre o PXOM. De todos os xeitos, ofrécese a seguir colaborando.
Carme da Silva, pola súa banda, cre que en momento no que a situación do plan urbanístico en Galicia "está na picota", no que hai plans anulados en Vigo e Ourense, hai situacións difíciles en moitas concellos que están a esperar sentenzas e "o PP conseguiu o récord de modificacións da Lei do Solo", o "responsable" é non facer un novo plan.
En relación con Ence, lembra á oposición, que non se pode deixar fóra do PXOM porque estes terreos xa están ordenados nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que existe e que está pendente de sentenza no Tribunal Supremo. "O lóxico é esperar" a que o Alto Tribunal indique como hai que executar a sentenza e, no caso de que se tombe ese plan, estudar incluír ou non eses terreos no PXOM.
Relacionadas:
-
O PP propón que a comisión especial do PXOM se desprace a Santiago para resolver dúbidas con Urbanismo
Por Redacción |
-
A comisión do PXOM vólveselle en contra ao PP
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición solicita un informe aos técnicos municipais sobre o PXOM e o BNG négase a pedilo
Por Alejandro Espiño |
-
Consultora Galega estima que o PXOM quedaría listo por 200.000 euros máis
Por Redacción |
-
Consultora Galega, convocada á comisión do PXOM para explicar o plan redactado
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey presidirá a comisión especial do PXOM
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva sobre a oposición e o PXOM: "Non se entende a non ser que sexa por postureo ou por cobrar un pouco máis"
Por Natalia Puga |