Os mozos pontevedreses melloran as súas técnicas de debate
Por Redacción
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza este venres día 8 de xaneiro, un curso de habilidades comunicativas para os 70 mozos participantes na nova edición do Club de Debate en Pontevedra.
A xornada está dirixida aos integrantes dos 7 equipos, estudantes de 1º de bacharelato e 4º de ESO, inscritos no Club de Debate en Pontevedra.
Na xornada de formación farase unha preparación de habilidades comunicativas para falar en público. Abordarán o fenómeno da comunicación, a modulación da voz (ton, intensidade, ritmo), a ordenación do discurso, a escoita, a comunicación non verbal e a linguaxe. Tamén traballarán a complexidade da comunicación grupal.
Na fase eliminatoria en Pontevedra, que terá lugar o sábado 20 de febreiro, participarán 7 equipos entre os que se atopan o IES Luís Seoane, o IES Sánchez Cantón ou o IES Valle Inclán e un equipo do concello do Carballiño, que un ano máis comparte fase eliminatoria con Pontevedra.
O Club de Debate fomenta o uso da lingua galega, o desenvolvemento das habilidades comunicativas e a oratoria do alumnado; tamén traballa o proceso de documentación sobre os temas obxecto de debate. Ademais, esta actividade fomenta o pensamento crítico, a tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.