O IES Nº1 do Carballiño gaña o Club de Debate; o Luis Seoane tamén pasa á final galega
Por Redacción & Diego Torrado
Un instituto ourensán, o IES Nº1 do Carballiño, foi o gañador da nova edición do Club de Debate que se celebrou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra. O segundo clasificado foi o IES Luis Seoane. Ambos os dous centros pasan á fase final galega que se desenvolverá o vindeiro 26 de abril no concello de Carballo.
Nesta edición tamén participaron os centros A Xunqueira I, Valle Inclán e o IES de Ponte Caldelas. Todos eles tiñan como tema de debate a corrupción.
A xornada desenvolveuse nun excelente ambiente de traballo e competición, tal e como requiría a convocatoria. O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez trasladou os seus parabéns a todos os participantes e destacou o elevado nivel de todos os equipos que concorreron a esta edición do Club de Debate, polo que o xurado non tivo una elección fácil.
O campión recibiu un vale de 500 euros para o equipo, para mercar libros ou banda deseñada en galego; e un libro de discursos -o Sempre en Galiza de Castelao- que terá exposto no seu centro ata a próxima edición deste certame. Para o segundo clasificado, o premio é un vale de 300 euros para a compra de libros ou banda deseñada en galego.
O Club de Debate é un programa que se organiza para promover o uso da lingua galega entre a mocidade. Este ano, os concellos de Pontevedra e do Carballiño colaboraron na organización da fase eliminatoria que se desenvolveu na nosa cidade.
Relacionadas:
-
Máis de 60 alumnos participarán este sábado na primeira fase do Club de Debate
Por Redacción |
-
Os mozos pontevedreses melloran as súas técnicas de debate
Por Redacción |
-
A corrupción, tema de enfrontamento para o Club de Debate
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Pontevedra volve debater en pro da normalización lingüística
Por Redacción |