Máis de 60 alumnos participarán este sábado na primeira fase do Club de Debate
Por Redacción
Nacer muller é vivir en desigualdade. É o tema sobre o que deberán debater, a favor e en contra, os sete equipos que participarán este sábado na primeira fase de zona do Club de Debate. Será no Pazo da Cultura, a partir das dez da mañá, e ao longo de todo o día un total de 62 estudantes de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato defenderán as súas posturas diante do xurado.
Nesta ocasión participarán os IES Luís Seoane, Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra -este último con dous equipos-, e o Nº 1 do Carballiño, o IES de Poio e o IES de Ponte Caldelas.
O Club de Debate é un programa que organizan o Concello de Pontevedra e dez concellos máis, a través das concellarías de Normalización Lingüística co fin de promover o uso da lingua galega entre a mocidade.
Este ano, o Concello de Pontevedra e o Concello do Carballiño colaboran na organización da fase eliminatoria que se desenvolverá na nosa cidade.
O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá un vale de 500 euros para mercar libros ou banda deseñada en galego, un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao para ter exposto no IES ata o vindeiro Club de Debate e o acceso á final.
O segundo clasificado recibirá un vale de 300 euros para mercar libros e banda deseñada en galego e o acceso á final.
Na final en Pontevedra participarán equipos de dez dos once concellos organizadores, que se agrupan en catro zonas clasificatorias. A primeira será este sábado, entre Pontevedra e O Carballiño. Seguirán a eliminatoria da Coruña; a de Carballo, Ferrol e Narón e rematará coa de Ames, Negreira e Teo.
Os dous equipos mellor clasificados en cada unha destas eliminatorias participarán na final en Pontevedra, o sábado 30 de abril, co tema En galego hai un mundo de cousas boas.
Relacionadas:
-
A final galega do Club de Debate, o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
O IES Luís Seoane clasifícase para a final galega do Club de Debate
Por Redacción |
-
Os mozos pontevedreses melloran as súas técnicas de debate
Por Redacción |
-
O IES Nº1 do Carballiño gaña o Club de Debate; o Luis Seoane tamén pasa á final galega
Por Redacción & Diego Torrado |