Bueu baralla instalar ata tres composteiros comunitarios no municipio
Por Redacción
Ata tres composteiros comunitarios ten proxectado instalar o Concello de Bueu, da man da Deputación de Pontevedra, en todo o municipio. Así llo avanzaron este luns desde o goberno local a unha vintena de asociacións, representantes de hostaleiros e persoas a nivel particular que quixeron informarse sobre o sistema de compostaxe que se quere probar en toda a provincia de Pontevedra.
A reunión, na que estiveron Fidel Castro, concelleiro de Obras e Servizos, e Manuel Otero, concelleiro de Medio Ambiente, serviu como unha toma de contacto para buscar apoios, xa que para que o programa se poña en marcha precísanse entre 60 e 300 veciños por cada bloque de composteiros.
En total, e tal e como avanzaron os concelleiros, pedíronse un total de tres composteiros, que se colocarían no casco urbano, en concreto na rúa Xosé María Estévez (xunto á pista de baloncesto), outro nas Lagoas a carón da pista multideporte, e outro na Banda do Río, xunto ao aparcamento Rosa dos Ventos.
Ademais, barállanse dúas opcións a maiores, unha xunto aos institutos por ser unha área estratéxica na que conflúen comedores escolares, e outra en Petís, por ser un núcleo poboado no que conseguir facilmente os apoios.
Os composteiros que se pretenden instalar están formados por seis departamentos pechados cun valado exterior, que serán inspeccionados nos seis primeiros meses por un mestre composteiro, cuxa selección está facendo nestes momentos a Deputación, e que sería o encargado de supervisar se a compostaxe se está realizando correctamente. Hai que salientar que se trata de composteiros que non producirían ningún tipo de cheiro.
OBRAS DE AMPLIACION DA REDE DE PLUVIAIS
Este luns tivo lugar tamén a reunión cos veciños e hostaleiros afectados polas inundacións procedentes da chuvia, en concreto da urbanización Massó e da rúa Johán Carballeira.
Félix Juncal, acompañado dos concelleiros Martín Villanueva e Fidel Castro e do xefe de servizo de Aqualia, explicou aos presentes a problemática das inundacións que se produciron tres veces no que vai de mes, e destacou que a vindeira semana se convidarán ás empresas para executar o proxecto de instalación dun novo colector e a ampliación da rede de pluviais ata a dársena, que xa conta coa autorización de Portos de Galicia, polo que agarda que en febreiro comecen as obras, valoradas en máis de 50.000 euros.
Aínda así, e para solucionar inmediatamente algúns dos problemas destes días, vanse substituír no curto prazo as tapas pechadas por unhas abertas na rúa Johán Carballeira, ademais da ampliación de sumidoiros situados a carón do paso de peóns elevado, no que se crean grandes lagoas por mor da chuvia.
No caso da Praza Massó, Juncal destacou que parte do problema pode derivar de que hai residuos de cemento, problema que atallará Aqualia nos vindeiros días, coa limpeza dos sumidoiros. Ademais, a empresa encargada do servizo das augas xa está revisando os pozos e colectores desde o hotel Incamar ata Johán Carballeira pasando por todas as urbanizacións.
Relacionadas:
-
Bueu, a piques de inaugurar o seu segundo composteiro comunitario e de recibir 50 individuais
Por Redacción |
-
Fidel Castro pide o apoio dos veciños para poñer en marcha o Plan de Compostaxe
Por Redacción |
-
Os concellos terán ata finais de xaneiro para solicitar centros de compostaxe comunitarios
Por Redacción |
-
Propoñen situar un composteiro comunitario ao carón do colexio de Dorrón
Por Redacción |
-
A Cidade Infantil Príncipe Felipe experimenta como facultade de compostaxe
Por Redacción |