O proxecto 'Hydrothermas' permitirá melloras nas infraestruturas termais da provincia
Por Redacción
Os alcaldes de Caldas de Reis, Cuntis e O Grove, xunto aos doutras vilas termais da provincia como Mondariz-Balneario, Tui, Vila de Cruces e Catoira, participaron este xoves na Deputación de Pontevedra nunha reunión de traballo do proxecto 'Hydrothermas'.
Este proxecto, que pretende crear unha rede de vilas termais en Pontevedra e o norte de Portugal, permitirá ademais levar a cabo actuacións de mellora nestes municipios.
Segundo explicaron tras o encontro, 'Hydrothermas' provocará investimentos co obxectivo de restablecer a biodiversidade de zonas termais, poñendo en valor parques e paseos fluviais e mellorando as insfraestructuras. Ademais impulsarase a creación de espazos ecolóxicos e centros de interpretación.
A intención do proxecto é impulsar o papel das administracións locais no estudo do termalismo e a xestión dos seus recursos e tamén fomentar a cooperación entre Galicia e Portugal creando novos produtos turísticos que permitan atraer a novos segmentos de público.
Pola súa banda desde a institución provincial elaborarase unha guía dixital e en papel que permitirá dar a coñecer os diferentes aspectos do termalismo en Pontevedra.