Cuntis proxecta actuar no paseo do río Gallo e a 'Horta do Cura' co proxecto Hydrothermas
Por Redacción
O proxecto 'Hydrothermas', que pretende crear unha rede de vilas termais en Pontevedra e o norte de Portugal, vai cobrando forma. Cuntis, un dos municipios participantes, fixo públicas as actuacións de mellora que aspira a realizar no marco deste proxecto.
Este proxecto está promovido pola Deputación Provincial e implica un investimento de 200.000 euros en diversas actuacións. O Concello de Cuntis quere que se destinen a actuar sobre dúas zonas do paseo do río Gallo e a Horta do Cura, intervencións para as que se necesitan unha serie de autorizacións de Augas de Galicia e o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, esta última dada a proximidade de elementos catalogados como bens de interese cultural ás zonas de actuación.
No caso do paseo do río Gallo, a proposta é actuar sobre unha zona que afecta a unha superficie de 1.200 metros cadrados e outra de 3.600 metros cadrados. A primeira discorre por 225 metros da marxe esquerda do río, desde a estrada nacional N-640 ata a ponte que dá acceso ao casco antigo do municipio e a segunda vai pola marxe dereita do río. Abarca unha lonxitude duns 300 metros nun percorrido no que se poden atopar zonas de descanso e máquinas biosaludables.
No parque 'Horta do Cura' a área de actuación é de 10.000 metros cadrados. Trátase dun parque situado no centro do municipio á beira da igrexa parroquial e da casa reitoral. Inclúe varias construcións, como un hórreo, un pozo e un pombal centenario, así como o "monumento aos canteiros", obra do escultor cuntiense Maxín Picallo.
Relacionadas:
-
Denuncian a subtracción dunha das pezas do Portelo de San Xoán, en Cuntis
Por Redacción |
-
Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
O proxecto 'Hydrothermas' permitirá melloras nas infraestruturas termais da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación promove o proxecto Hydrothermas Vilas Termais de Pontevedra
Por Redacción |