O comercio pontevedrés afianza a súa recuperación tras subir as vendas
Por Oskar Viéitez
O comercio pontevedrés conseguiu no que vai de ano unha recuperación nas súas vendas, ata o día 31 de outubro, dun 28%, segundo os datos achegados pola Federación de Comercio de Pontevedra.
Como nota negativa, o bo tempo dos meses de outubro e novembro prexudicou a venda no comercio téxtil e calzado e tamén no sector dos electrodomésticos, no relativo a estufas e climatizadores.
Esta federación lembra aos comerciantes que poderán eliminar os stocks da tempada de outono "facendo rebaixas". xa que estas son de "convocatoria libre" e pódense organizar "en calquera época do ano".
Facendo balance dos derradeiros meses, a federación que preside o pontevedrés Antonio Reguera destaca que a campaña de volta ao cole, "foi boa, como é habitual todos os anos", rexistrándose un incremento nas vendas.
PECHES DE COMERCIOS
A Federación de Comercio de Pontevedra informou de que no ano 2015 a tónica de peches na provincia "foi de 320 establecementos e abriron 250 locais, aínda que existen máis de 1.350 locais baleiros".
Analizando estes datos, indican desde esta patronal que o fin da coñecida como "renda antiga" obrigou a moitos locais comerciais "a xubilarse antes de tempo". Ademais apuntan que a maioría dos comercios de nova apertura son as franquías.
5.000 CONTRATOS NO NADAL
Ademais, a Federación de Comercio de Pontevedra estima que na nosa provincia contrataranse para estas festas de nadal a máis de 5.000 traballadores.
"Non temos dúbida que o comercio tradicional, franquías e centros comerciais van comezar a partir de decembro con vendas especiais e rebaixas, xa que teñen necesidade a vender, e ao empezar con rebaixas, empezan o resto, do cal, o consumidor vaise a beneficiar nas compras para Papá Noel, para a roupa de festa e para a venda de agasallos en reis", conclúe esta federación no seu comunicado.