Fin de semana de descontos no Recinto Feiral
Por Redacción
Nas últimas rabexadas de xaneiro, a primeira cita feiral en Pontevedra xa abriu as súas portas ata o domingo. Trátase de Stock Pontevedra, unha convocatoria xa coñecida, auspiciada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental e Aempe contando coa colaboración do Concello.
Na pasada edición, foron preto de 18.000 persoas as que se achegaron ata o Recinto Feiral para aproveitar a venda de stocks das empresas participantes. Unha cifra que desde a organización esperan alcanzar e superar, segundo sinalaba Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano.
Non foi tan optimista no que incumbe á recuperación do sector comercial e segundo os recentes datos do Instituto Nacional de Estatística. Estes sitúan ao comercio galego a peche de 2105 como cabeceira da recuperación en España. "O comercio aínda non ve esa alegría de hai oito anos, así que estamos con perspectivas de non baixar que xa é importante", considera Lago.
Polo momento, o que si aumentou é o número de casetas que se instalaron; oito expositores máis, que elevan a cifra total aos 68. O sector téxtil segue sendo o predominante: moda para muller, home, neno e mozo, roupa deportiva, lencería e peletería. Tamén o sector do calzado ofrece un amplo stock, e instaláronse casetas de complementos, óptica, fogar, decoración e antigüidades. O 80% destes comerciantes son de Pontevedra e a súa área de influencia.
Esta feira de oportunidades pódese visitar ata o domingo en horario de 11.00 a 21.00 horas ininterrompidamente, cun prezo de entrada de 1,50 euros. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, animou ao público a que se achegue esta fin de semana ao Recinto Feiral e manifestaba o respaldo do Concello a estas iniciativas: "que sempre contarán co noso apoio porque visibilizan ás empresas de Pontevedra e a súa contorna".
Relacionadas:
-
O recinto feiral volverá vestir de rebaixas do 3 ao 5 de febreiro
Por Redacción |
-
Satisfacción no peche de Stock Pontevedra pola alta asistencia ao Recinto Feiral
Por Redacción |
-
Stock Pontevedra anuncia unha total ocupación do recinto feiral
Por Redacción |
-
Conta atrás para Stock Pontevedra, cos últimos stands aínda dispoñibles
Por Redacción |
-
O comercio pontevedrés afianza a súa recuperación tras subir as vendas
Por Oskar Viéitez |