Cada pontevedrés gastará no Nadal uns 370 euros de media
Por Redacción
Despois de case sete anos de cifras en descenso ou estancadas, este ano os pontevedreses aumentaremos o gasto do Nadal nun 10%, segundo a estimación da Federación Provincial de Comercio, que calcula que a media por veciño será de 370 euros durante estas datas.
En total, na cidade do Lérez o gasto podería alcalzar os 30 millóns de euros, máis concretamente 30.534.144 euros.
Esta federación que preside Antonio Reguera sinala que haberá rebaixas en plenas datas do Nadal debido á liberdade que xa existe para poñer as datas de descontos.
O gasto aumenta sobre todo en agasallos e alimentación. A previsión é que, do orzamento de cada pontevedrés, o 39% do diñeiro se vaia en agasallos, un 32% en alimentación e un 14% en lotería, o resto en lecer e outros gastos.
Segundo a federación, a recuperación no consumo por Nadal débese, entre outros factores, a que os funcionarios recobran parte da paga extraordinaria do ano anterior e cobrasen a paga extraordinaria do presente ano e sinalan que a rebaixa do IRPF tamén se notase no peto dos consumidores, xa que iso é positivo de cara ao consumo.
As festas do Nadal supoñen entre o 50% e 60% de vendas de todo o ano para algúns comerciantes.
AGASALLOS
Entre os agasallos máis demandados a Papá Noel e aos Reis Magos atópase a electrónica en xeral, destacando os smartphones, tabletas e videoxogos.
A comarca de Pontevedra factura unhas vendas de 44.529.724 euros, dos cales a cidade de Pontevedra absorbe en vendas dos concellos da comarca o 68% do total.
A comarca do Salnés, factura unhas vendas de 35.514.586 euros, dos cales Vilagarcía 12 millóns de euros que é unha porcentaxe do 34% de vendas de toda a comarca.