Canto gastamos por familia nas comidas de Nadal?
Por Redacción
O 64% dos 600 compradores consultados nos mercados de abastos de municipios de Pontevedra e de establecementos de alimentación consomen marisco como entrante na cea de Noiteboa e na comida de Nadal, segundo a enquisa realizada pola Federación de Comercio de Pontevedra. A maioría, un 59%, consome marisco conxelado e só unha 5% compra o produto fresco. Sobre todo, o que se come son lagostinos, gambas, mexillóns, centolo e boi. Un 27% toman embutidos, empanada e queixos, segundo esta mesma enquisa.
O menú previsto para a cea de noiteboa decántase polo bacallau con coliflor nun 27% seguido por outros peixes como o linguado, pescada ou rodaballo, dos que tamén só o 5% é fresco. Outro 25% dos consultados prefiren carne como cabrito ou cordeiro mentres que o 14% consome pavo, pito ou galiña durante esa tradicional cea familiar.
Pola contra, na comida de Nadal a carne triunfa. O 54% dos enquisados come cabrito ou cordeiro mentres que o 35% come peixe, a maioría conxelado. Só a 7% compra o produto fresco.
Entre os enquisados, o 30% recoñecía que consumía produtos propios da súa colleita ou da dos seus familiares. E aínda así, o gasto medio que realiza cada familia na provincia sitúase sobre os 185 euros.
A Federación de Comercio conclúe cos datos obtidos nesta sondaxe que se está a recuperar o costume das ceas tradicionais con marisco e con bacallau con coliflor como principais pratos.
Pero os gastos máis elevados espéranse na noite de final de ano mentres que o día de Aninovo, a maioría dos consultados inclínanse por degustar o cocido galego ou un lacón con grelos. Un amplo número de consumidores realizaron as compras para estas datas antes do 10 de decembro para evitar a suba de prezos que pode chegar ao 50% nalgunhas variedades de mariscos durante a semana previa a Noiteboa.