Legísima lamenta o "dano mediático" da investigación sobre Aquagest: "No Concello ningúen esconde nada"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un total de 323 tomos e unhas 600 facturas, tanto de gastos como de ingresos. É o volume de información que, finalmente, levaron os axentes de Vixilancia Aduaneira do Concello de Pontevedra. Así o desvelou este xoves o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, que destacou a colaboración que mostrou a vintena de funcionarios que, durante preto de trece horas, estiveron a reunir a documentación solicitada.
Todos eles mostraron, dixo, un "exceso de celo" na súa responsabilidade "aínda que algún órgano xudicial non se faga merecente de tal colaboración". E é que ao seu entender, o normal sería requirir ao Concello para que, nun prazo de tempo determinado, facilitase os expedientes e facturas solicitados pola xuíza Pilar de Lara, e non "montar este barullo" coa presenza dos axentes en dependencias municipais.
En todo caso, García Legísima negou "categoricamente" que se tratase dun rexistro, xa que explicou que os axentes de Aduanas "non se ocuparon de buscar os documentos", senón que se limitaron a recoller os expedientes facilitados polos funcionarios que tiveron que revisar preto de 1.200 libros para localizar toda a documentación que se recollía nos dous oficios asinados pola titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo.
Iso si, o edil do BNG lamentou que, mentres que antes para iniciar unha investigación deste calado tiña que haber indicios de delito, neste caso "se está investigando para ver se se atopa algún indicio" e descartou que se favoreceu a esta empresa con algún contrato xa que o actual finaliza aínda en 2017 "e en ningún departamento deste concello se moveu un só papel ou un lapis para renovalo", unha afirmación que é, dixo, "radicalmente falsa".
Vicente García Legísima recoñeceu que están "molestos" polo dano mediático que provoca unha investigación deste tipo e, sobre todo, porque este proceso é "daniño" para os funcionarios municipais. Pero reiterou que "non hai problema porque investiguen o patrimonio a todos, ao revés, verán que estamos a cumprir coas nosas obrigas como cargos públicos, sen meter a man en ningún sitio".
"Non temos nada que agochar, ninguén esconde nada", reiterou o responsable de Réxime Interior, que sinalou que nin el nin ningún dos seus compañeiros do goberno municipal "nin levamos nin levaremos nada alleo ao peto" e avanzou que, precisamente por iso, están dispostos a "seguir velando polos intereses dos pontevedreses".
A pesar diso, García Legísima si ve certa intencionalidade política nesta operación xa que, segundo indicou, "posiblemente interesa" que o BNG, "que non estaba metido en nada", apareza agora vinculado a tramas de presunta corrupción. "Somos os únicos que defendemos a Galicia", un país que na súa opinión "están a esfarelar" e que os nacionalistas protexen cunha "voz definida", un traballo que "non van a conseguir frear".
Vicente García Legísima, como presidente da Comisión de Réxime Interior, convocará unha reunión deste organismo a próxima semana para dar conta a todos os grupos municipais dos oficios remitidos pola xuíza Pilar de Lara dentro da peza separada número 4, relativa a Aquagest, da operación Pokemon. Ademais, tamén se convocará á Xunta de Persoal do Concello para informar os sindicatos.
MAREA PROPÓN REMUNICIPALIZAR A XESTIÓN DA AUGA
Luis Rei, voceiro de Marea Pontevedra, manifestou na mañá deste xoves 12 que a investigación xudicial é a mellor das auditorías. Insistiu en que non resulta saudable eternizarse nos cargos públicos aludindo á traxectoria de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde, reclamou a remunicipalización do servizo de augas ao entender que a xestión das grandes compañías pode rematar derivando en casos de corrupción e, por último, insistiu na necesidade dunha auditoría que aporte transparencia nas contas municipais. Deste xeito, Rei engadiu que presentarán a moción solicitando esa auditoría no vindeiro pleno, xa que a súa ausencia na anterior sesión obrigou a que Marea retirase este punto da orde do día.
Relacionadas:
-
Pontevedra recupera as facturas requiridas por Pilar de Lara para investigar a Aquagest
Por Alejandro Espiño |
-
O PP insta á creación dunha comisión de investigación sobre Cespa e Aquagest
Por Redacción |
-
Aduanas busca expedientes de Aquagest no Concello de Poio por orde da xuíza da Pokemon
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Carmela Silva asume como súas as declaracións de Lores sobre a Pokemon
Por Redacción |
-
"Que investiguen todo o que queiran. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento"
Por Alejandro Espiño |
-
Pilar de Lara autoriza a Aduanas a investigar a actividade económica e fiscal de Lores
Por Redacción |
-
Tranquilidade no goberno municipal ante o rexistro ordenado pola xuíza Pilar de Lara
Por Alejandro Espiño |
-
Axentes de Aduanas entran no Concello de Pontevedra para reclamar documentación de Aquagest
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada