"Que investiguen todo o que queiran. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento"
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse este xoves "encantado" de que a xuíza Pilar de Lara autorizase a Vixilancia Aduaneira a investigar o seu patrimonio, en relación coa peza separada sobre Aquagest na operación Pokemon.
"Que investiguen todo o que queiran, patrimonial e fiscalmente. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento", afirmou nunha rolda de prensa que xerou unha enorme expectación mediática. "Me poden poner patas arriba que o que vai a caer é, máis ou menos, a calderilla que vos iba a caer a todos vós", chegou a chancear cos xornalistas.
Fernández Lores afirmou que de todo o que se coñece deste proceso xudicial "non hai sequera indicios". Explicou que se está falando de contratos "que non fixo este goberno" e de renovacións "que non se fixeron". Cualificou todo este asunto de "películas" e reiterou que non existe ningún tipo de irregularidades respecto de Aquagest "nin de ningunha outra empresa" polo que afirmou que seguirá traballando con "normalidade e tranquilidade".
Tras destacar que sente "moi orgulloso" do seu traballo no concello nestes 16 anos e que "non temos nada que ocultar", o alcalde reiterou o seu "máximo interese" en que se investiguen e se aclaren estas presuntas irregularidades, pero solicitou que se faga nun tempo "razoable" porque un proceso deste tipo "afecta e faille dano a moita xente inocente e vai deixando cadáveres polo camiño sen culpa ningunha".
"Reiterou que non existe ningún tipo de irregularidades respecto de Aquagest "nin de ningunha outra empresa"
Preguntado polos xornalistas sobre estas supostas comidas que compartiría con directivos de Aquagest, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que "o normal" nun concello que ten relación con moitas empresas é que "te reúnas con eles ou mesmo nalgún momento comas con eles", a pesar de recoñecer que se trata dunha práctica que non lle gusta porque "a mín me gusta comer na miña casa".
Neste sentido, explicou que o seu nome sae nunha conversación gravada a un directivo de Aquagest, pero negou que se pactase con el renovación algunha do contrato -que vence en 2017- "e de feito non houbo renovación ningunha". Por iso é polo que reiterase o seu convencemento de que "non hai nada" e así o demostra, dixo, outra escoita da operación Patos na que un implicado dicía que "non atopamos a ninguén a quen corromper en Pontevedra".
Relacionadas:
-
Pontevedra recupera as facturas requiridas por Pilar de Lara para investigar a Aquagest
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva asume como súas as declaracións de Lores sobre a Pokemon
Por Redacción |
-
Legísima lamenta o "dano mediático" da investigación sobre Aquagest: "No Concello ningúen esconde nada"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Pilar de Lara autoriza a Aduanas a investigar a actividade económica e fiscal de Lores
Por Redacción |
-
Tranquilidade no goberno municipal ante o rexistro ordenado pola xuíza Pilar de Lara
Por Alejandro Espiño |
-
Axentes de Aduanas entran no Concello de Pontevedra para reclamar documentación de Aquagest
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada