Cubela arremete contra a voceira do PSOE: "Lina Garrido minte máis que fala"
Por Redacción
O grupo de goberno do Concello de Cotobade, liderado polo rexedor popular, Jorge Cubela, saíu ao paso das "burradas que lle saen pola boca" á voceira do PSOE de Cotobade, Lina Garrido, sobre o estado do concello, as facturacións e o traballo do alcalde.
"Nótase que aínda está moi resentida cos veciños de Cotobade por, no terceiro intento, non apoiala para ser alcaldesa", afirman dende o goberno local nun comunicado no que desminten que o concello, "un dos máis saneados de España", atravese pola situación da que fala Garrido.
"Hai que lembrar que o Concello de Cotobade está moi por diante dos concellos da súa poboación en canto a conseguir subvencións e convenios, o que multiplica o traballo, a inversión e a facturación dunha administración como Cotobade, que nos tempos do bipartito era de desaparación absoluta", reza o escrito difundido pola Alcaldía, co título "Lina Garrido minte máis que fala".
Estas mesmas fontes oficiais sinalan coma "rotundamente falso" que o goberno local facturase 20.000 euros en rozas, como sinalaban os socialistas, e atribúen esta cantidade ao produto da suma dos gastos en compra de rozadoras para as brigadas de incendios, e de reposición das estragadas, "que non suman nin a metade". E apuntan que as únicas rozas que se fixeron leváronas a cabo as cuadrillas municipais, e os equipos mecánicos municipais, "a excepción de tres traballos específicos e rudimentarios", que foron feitos por dúas empresas de Cotobade e "que non suman 6.000 euros", aseguran.
O grupo municipal do PSOE tamén denunciou que o alcalde "non estivo nestos cen días", ao que o grupo popular contesta que "debeu ser o irmán do alcalde" o que estivo na visita ao campo internacional de traballo, na inaguración do Baixo da Casado do Pobo de Santa María e no accidente de moto cun falecido na Rocha, ou na visita de Alfonso Rueda a Carballedo para a firma do convenio para a financiación do peche do campo de herba sintética, e mesmo durante a semana cultural, no acto da sede da Fundación Bóveda para adherirse ó Día de Galicia Mártir, a celebración dunha voda en Cuntis e na visita o final das obras da cuberta do ximnasio de Tenorio.
"Solamente houbo un nomeamento de alcalde en funcións para o primeiro tenente de alcalde para a semana do 7 ao 11 de setembro, onde o alcalde se atopaba de viaxe en Madrid", indica este escrito.