O PSOE de Cotobade acusa a Cubela de "deixadez total e absoluta de funcións" nos seus 100 días de goberno
Por Redacción
Os socialistas de Cotobade consideran que o alcalde Jorge Cubela realiza un rotundo engano aos veciños na súa avaliación dos 100 primeiros días de goberno. Lina Garrido, portavoz socialista, afirma que o rexedor pretende vender as mesmas obras que xa estaban anunciadas e adxudicadas antes da campaña electoral no mes de maio.
O PSOE indica que nestes primeiros 100 días de goberno non se fixo máis que comezar algunhas obras que foran adxudicadas. Nunha nota, os socialistas afirman que na campaña puidéronse observar como se iniciaban obras por numerosos lugares do concello con "criterios en moitos casos totalmente partidistas e pouco razoables cos que non eran os seus votantes". Esas decisións, segundo Lina Garrido, provocou que a liquidez económica a día de hoxe atópase nunha situación preocupante.
A facturación dos meses correspondentes á precampaña e campaña levou a que neste mes de setembro pagáronse facturas por un importe de 765.305 euros. O PSOE indica que facturas por un importe de 229.786 euros foron informadas desfavorablemente por intervención, xa que ningunha tiña asignada partida orzamentaria. Critican que se atoparon facturas de rozas por importes de ata 20.000 euros e outras con importes de 8.000 euros para proxectos de obras que non se van a levar a cabo, segundo denuncian desde as filas socialistas.
Destacan que os provedores están a cobrar con máis de 50 días de atraso e mesmo poñen de manifesto que algúns concelleiros do grupo de goberno piden aos provedores que facturen a partir de 2016, cando entren as subvencións pendentes e o novo orzamento.
Os socialistas conclúen que nestes primeiros 100 días, Jorge Cubela estivo practicamente ausente e que "fixo un deixamento total e absoluta de funcións, case non apareceu polo concello en todo o verán". Acusan o alcalde dunha mala xestión política e poñen como exemplo a construción dun centro médico con diñeiro procedente das arcas municipais.