Triunfo de "El Juli", grandes detalles taurinos de Morante de la Puebla e nova decepción de Ponce
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Para triunfar nunha corrida de touros é necesario que concorran varias e diversas circunstancias: que o touro arremeta, que dea xogo, que o destro teña a súa tarde, estea motivado e inspirado, pero ademais que saiba ler ou entender os gustos do tendido. Iso faino como ninguén, polo menos en Pontevedra, Julián López "El Juli".
O toureiro madrileño tenlle collida de tal forma a medida a esta praza, que mesmo a presidencia e os seus asesores teñen cara a el unha indulxencia ou benevolencia especial, só así se pode entender a segunda orella que lle foi concedida no terceiro da tarde, con tanta xenerosidade como cicatería usaron os asesores taurinos do presidente con Morante de la Puebla, que no quinto da tarde deixou unha estocada memorable, das que se ven poucas veces, ao matar "recibindo" o seu inimigo, nunha acción que por se soa ben valía o trofeo insistentemente solicitado sen éxito dende o tendido.
Pero non se crean vostedes que houbo de todo o que diciamos ao principio e en abundancia. Os touros a contagotas. É verdade que os de Alcurrucén adoitan ser touros cómodos para os toureiros, mesmo amables. Deses que non esixen e permiten "alegrías" imposibles ante outros ferros. E así foron tamén nesta ocasión. Nobres e sen perigo, pero algo xustos de forzas. Deron un xogo aceptable, agás o cuarto, que lle tocou en sorte, ou mellor en desgracia, a Ponce, que apenas tiña un mal pase.
En canto ao resto de circunstancias, "El Juli" estivo ben na súa entrega e no seu toureo, pero mellor aínda na súa forma de ler o que lle gusta ao tendido. Deu espectáculo, ou polo menos o espectáculo que lle gusta a esta afección, e froito diso foi o triunfador da tarde, cortando dúas orellas cada un dos seus inimigos e saíndo un ano máis a ombros pola porta grande. Merecido, aínda que quizais excesivo o número de trofeos.
Pero os detalles de maior sabor taurino deixounos sen dúbida Morante de la Puebla. Maxestosa a súa estocada "recibindo" e inusual o seu xesto de rematar en pé o seu primeiro inimigo, renunciando ao descabelo. Detalles que adornan un toureiro distinto. O sevillano ten ese algo especial que fai que pague a pena acudir a unha corrida que o inclúa no cartel. Certo que é toureiro de sensacións, que ás veces defrauda se non se encontra a gusto, pero cando sae con ganas de agradar compensa calquera desgusto anterior.
Ademais, dá a sensación de que cando pisa a area de San Roque se sente na súa salsa. Motívase. Transmite. Entrégase. E iso o público agradéceo ao mesmo tempo que empeza a depositar nel boa parte das súas preferencias taurinas. Cortou unha soa orella, si, pero deixou sabor de toureo grande e mereceu acompañar a "El Juli" no seu paseo triunfal. Pena de acerto co estoque no seu primeiro inimigo, ao que realizou unha faena fonda e de calado.
Logo está o de Ponce. O destro de Chiva volveu defraudar na súa vixésima comparecencia en Pontevedra. Certo é que lle tocou o peor lote, especialmente o seu segundo inimigo, que apenas tiña un mal pase, pero en parecidas circunstancias en tempadas anteriores, Enrique Ponce deixaba mostras da súa indubidable clase e conseguía facer faena. Por non acertar, ata volveu estar desacertado co estoque, algo no que o valenciano era un verdadeiro especialista.
Pode que sexa cansazo do tendido, un pouco enfastiado de tanta presenza seguida nos carteis. Pode que haxa tamén algo de falta de motivación do toureiro. O certo é que a conexión, a complicidade que existía entre afección e matador fai xa tempo que pasou á historia e nin o seu toureo cala nos afeccionados, nin o tendido vibra co que o toureiro ofrece, non logrando transmitir emocións, sumando como resultado unha nova tarde gris onde tantas de gloria obtivo.
Catro orellas para "El Juli" e unha para Morante. Ponce non consegue trofeos
Abriu praza un touro de nome Barbero. Curiosamente mesmo nome e case o mesmo peso que o rival que o ano pasado toureaba tamén Ponce abrindo a feira, con parecido resultado. Un touro eslamiado, pasmado, con pouca casta, pero cómodo para a lidia. Estivo ben coa dereita, pero custoulle máis ao natural. Deixou a súa pegada de calidade cunha serie de redondos, pero non conseguiu ligar ante a curta acometida do seu inimigo.
Morante saíu decidido e con ganas no segundo. Demostrouno cuns excelentes lances coa capa e un grande quite por chicuelinas. Logo fixo unha faena ligada, cun comezo brillante levando o touro dende as táboas ata os medios cinguido á muleta, pero continuar citando de lonxe e recollendo coa flanela nunha demostración de clase e sabor taurino. Fallou co estoque, un dos lunares frecuentes nas súas faenas, pero deixou a cambio un deses detalles de valor que moi poucos son capaces de realizar cando, renunciando ao verduguillo, rematou o touro en pé. O público despediulle cunha pechada e máis que merecida ovación.
Era o momento de "El Juli". O madrileño foi de menos a máis. Salvou unha faena que apuntaba a "fracaso". Custoulle ligar, pero supliuno con vontade. Os vistosos adornos da última parte da súa labor servíronlle para acabar de gañarse a un publico que nada máis dobrar o touro rompeu nos habituais berros de "Juli, Juli". O presidente e os seus asesores contaxiáronse e á lóxica orella concedida por petición maioritaria uniron unha segunda, evidentemente excesiva.
O cuarto da tarde foi o peor do encerro. Impecable de presentación pero nulo de xogo. Ponce trasteouno. Quizais podía facer algo máis, pero non se lle viu motivado nin con ganas, limitándose a despachar o seu inimigo cunha faena de aliño insubstancial.
O de Morante no quinto resultou curioso. Cando comezou o seu lidia daba a impresión de que ao destro o afectara na súa motivación non ter triunfado co seu primeiro rival. Pero o sevillano é imprevisible. Sacou tres excelentes dereitazos, descalzouse e foise arriba. Alongou a faena ata conseguir sacar do touro o que o animal non tiña, cunha serie final moi vistosa que o tendido agradeceu. O mellor síntoma foi ver o sorriso na cara do toureiro, algo pouco habitual. A consecuencia, deixar para o recordo unha estocada antolóxica para a que unha orella pareceu escaso premio.
Pechou praza "El Juli" e fíxoo como el sabe. Conectando co tendido despois dun precioso quite nos medios. Faena variada e con clase, non exenta de risco. Rematou cunha estocada fulminante que lle valeu, está vez con todo merecemento, outras dúas orellas para redondear o seu grande tarde e volver saír triunfador un ano máis de San Roque.
A afección desprega unha pancarta co lema "Pontevedra taurina" e reivindica a cuarta corrida
Destacar tamén as notas reivindicativas que deixou a afección. A primeira antes de comezar o paseíllo, cando nos tendidos de sol se despregou unha enorme pancarta co lema "Pontevedra taurina" no medio dunha pechada ovación, e a segunda ao finalizar a corrida cando as Peñas comezaron a corear "queremos cuatro", demandando a empresa a organización da cuarta corrida suprimida este ano do cartel.
FICHA DA CORRIDA:
ENRIQUE PONCE: Media estocada traseira e descabelo ao segundo intento (Silencio). Picada e estocada (Silencio).
MORANTE DE LA PUEBLA: Dúas picadas, estocada e puntillazo (Ovación tras escoitar un aviso). Grande estocada, recibindo (Unha orella e forte petición da segunda, despois de escoitar un aviso).
JULIÁN LÓPEZ "EL JULI": Estocada lixeiramente traseira (Dous orellas tras escoitar un aviso). Estocada fulminante en todo o alto (Dúas orellas). Sae a ombros pola porta grande.
Algo máis de 5.000 espectadores nos tendidos
Incidencias: Primeira corrida do ciclo taurino da Peregrina. Touros de Alcurrucén, ben presentados en liñas xerais, especialmente o quinto e sexto. Nobres e sen perigo, pero xustos de forzas. Máis de tres cuartas partes do aforamento cuberto nos tendidos (algo máis de 5.000 espectadores).
Relacionadas:
-
Morante de la Puebla, apoderado por Manolo Lozano, estará na Feira da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
A pericia dos recortadores pecha os espectáculos taurinos
Por Redacción |
-
"El Fandi" e Abellán repiten triunfo no barro ante unha afección entregada, xenerosa e reivindicativa
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Manuel Jesús "El Cid" substitúe a Francisco Rivera Ordoñez "Paquirri" tras a súa grave collida en Huesca
Por Ramiro Espiño |
-
A xuventude de Leonardo Hernández triunfa onde non poden as figuras consagradas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha capea coma aperitivo para a tempada taurina 2015
Por Diego Torrado |
-
Nova imaxe para a Feira da Peregrina, que contará este ano cun innovador cartel
Por Redacción |
-
O concurso nacional de recortadores substitúe ao cuarto festexo da Feira da Peregrina 2015
Por Ramiro Espiño |