Unha marcha entre Bueu e Marín recordará a Cristobal Hermida, ciclista atropelado nos Praceres
Por Redacción
O atropelo no que o 3 de xaneiro faleceu o presidente do Club Cicilista de Bueu, Cristobal Hermida Freire, Nos praceres, desatou unha ondada de solidariedade coa súa familia nas redes sociais e sacou á luz o debate sobre a falta de seguridade dos ciclistas e as estradas pontevedresas. Para recordar ao falecido e pedir maior atención á seguridade vial deste colectivo, o próximo 20 de xaneiro celebrarase unha marcha ciclista entre Bueu e Marín.
A marcha terá este domingo un aperitivo. Integrantes do Club Ciclista de Bueu acudirán ao punto da autovía PO-11 no que foi atropelado por un camión. Levarán crespóns negros e gardarán un minuto de silencio.
En canto á Marcha Ciclista reivindicando unha estrada segura en memoria de Cristóbal Hermida, partirá o domingo 20 de xaneiro ás 10:30 horas do Concello de Bueu.
Segundo informan dende o colectivo organizador, os ciclistas que se apunten á iniciativa circularán cara a Marín, facendo unha parada na autovía Pontevedra-Marín, no punto en que o presidente do club ciclista Bueu perdeu a vida.
A continuación, a marcha retornará a Bueu. Esta marcha recordará a última vítima mortal, pero tamén reivindicará máis seguridade para os ciclistas. De aí que só poderán participar os ciclistas que leven o seu casco obrigatorio.
Pretende xuntar o maior número de participantes posibles e dende o club sinalan que entre as súas intencións está a de intentar "que non só se nos escoite en Pontevedra, senón en toda España, polo noso dereito a circular seguros en bicicleta".
Entre as reaccións ante o atropelo mortal, en PontevedraViva publicou os seus impresions Ricardo Otero, a persoa que recoñeceu o cadáver de Cristobal Hermida cando o viu tirado e xa falecido na PO-11. "Yo fui el primero que lo vi y lo tuve que identificar pq no le funcionaba el telefono. La peor imagen de mi vida. Esto es una mierda. No podemos salir a rodar con la bici por ningun lado. Como le pudo cegar el sol al camionero. Esto no puede seguir asi. Debemos unirnos todos los ciclistas y parar esta mierda.", comentou o mesmo día do accidente mortal.