Unha segunda marcha ciclista dende Pontevedra renderá homenaxe a Cristóbal Hermida
Por Diego Espiño
A organización da marcha ciclista en homenaxe ao presidente do Club Ciclista Bueu, Cristóbal Hermida, espera contar coa presenza de máis de 1.000 afeccionados ao deporte da bicicleta cansos da inseguridade vial que sofren na estrada e que, din, cobrouse xa demasiadas vidas.
Os apoios recibidos para a ruta do próximo domingo chegan ata figuras do ciclismo como Alberto Contador, Alejandro Valverde ou Joaquim Rodríguez, tres primeiros clasificados na última edición da Volta a España, pero son moitos os que queren colaborar nunha xornada reivindicativa que se celebrará na mañá do próximo domingo.
Gardarase un minuto un medio de silencio en alusión á distancia de 1,30 metros que os condutores deben respectar cos ciclistas
Ademais da ruta que sairá dende Bueu ás 10:00 da mañá, o colectivo Masa Crítica decidiu convocar unha segunda marcha dende a Praza da Peregrina de Pontevedra, ás 11:00 horas, para unirse aos participantes que saian dende a vila morracense nos Praceres, lugar do accidente onde perdeu a vida Cristóbal Hermida. Alí gardarase un minuto e medio de silencio en memoria de Hermida e de todas as vítimas da estrada, "será minuto e medio de silencio en alusión á distancia de 1,30 metros que os condutores deben respectar cos ciclistas. Non só se trata de render homenaxe senón concienciar a todos das debilidades e os perigos que afrontamos tódolos días", asegura Pablo Ríos, organizador da marcha de Bueu.
O domingo, figuras do ciclismo retiradas e en activo acudirán á ruta que parte de Bueu polo mesmo percorrido que Hermida realizou na súa última saída. ÿscar Pereiro, Gustavo César Veloso, Marcos Serrano, Álvaro Pino ou Delio Fernández xa confirmaron a súa presenza.