Percorrido de brazaletes negros e ramo de flores para o presidente do Club Ciclista de Bueu
Por Redacción
Un total de 25 ciclistas percorreron este domingo 6 de xaneiro a autovía PO-11 entre Marín e Pontevedra portando brazaletes negros e depositaron un ramo de flores no punto no que o xoves día 3 faleceu atropelado por un camión o presidente do Club Ciclista de Bueu, Cristóbal Hermida.
Segundo informaron dende o club, entre os participantes estaban integrantes do colectivo e outros compañeiros ciclistas, todos eles co ánimo de "honrar a memoria do seu falecido presidente". Realizaron a súa saída dominical sobre o mesmo percorrido no que o ciclista perdeu a vida á saída da PO-11, ás portas do Porto de Marín.
Ás 10 da mañá xuntábanse na praza do Concello de Bueu e tras colocarse todos eles brazaletes negros en recordo ao seu compañeiro, partían cara a Marín. Polo camiño fóronse unindo á marcha novos compañeiros, ata totalizar os 25 ciclistas que percorreron a autovía Marín-Pontevedra ata a entrada á cidade do Lérez, retornando ata o fatídico punto onde Cristóbal fué arrastrado por un camión.
Alí, os seus compañeiros de club colocaron un ramo de flores en recordo ao tráxico suceso e gardaron un minuto de silencio recordando o seu desaparecido presidente. Tras este acto, retornaron a Bueu.
Esta saída serviu tamén para elaborar o percorrido da marcha ciclista que o Club Ciclista Bueu celebrará o domingo 20 de xaneiro, homenaxe a Cristóbal Hermida e reivindicando unha estrada segura para os ciclistas e maior respecto por parte dos condutores.
Realizarase este mesmo percorrido, de 35 quilómetros, e "espérase unha asistencia masiva por parte da familia ciclista de toda Galicia, conmovida polo suceso no que perdeu a vida un personaxe tan querido,".