41 persoas da comunidade xitana atoparon traballo en 2014 grazas aos cursos da Casa Azul
Por Redacción
A comunidade xitana conta cunha serie de programas destinados á inserción laboral e de educación a través dun convenio que a Fundación Secretariado Xitano (FSG) renovou este xoves 9 co Concello de pontevedra. Estes programas contan cun presuposto que supera os 23.600 euros e o acordo estableceuse inicialmente no ano 2001 permitindo o desenvolvemento de diferentes talleres ademais dun programa de seguimento escolar.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Fouces, acompañada por Eva Vera e María Xosé Obelleiro, directora territorial e coordinadora da FSG en Pontevedra, indicaron que, durante o ano 2014, dende esta Fundación se traballou con 147 persoas nas instalacións da Casa Azul e 60 formáronse en diversos oficios a través de cursos como o de estibador portuario, auxiliar de panadaría ou axudante de cociña. Deste grupo de participantes lográronse 41 contratos de traballo.
Ademais desenvólvese tamén un programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa para a comunidade xitana de Pontevedra coa intención de previr e reducir o absentismo escolar e mellorar o éxito académico do alumnado xitano que afecta a 87 alumnos coa utilización de aulas de reforzo educativo que contan cunha media de 25 alumnos.
O programa estrela dentro de todas estas iniciativas é o denominado 'Promociona', que ten como obxectivo conseguir taxas elevadas de éxito académico no último ciclo de Educación Primaria e en Educación Secundaria Obrigatoria para que poidan alcanzar estudos medios, superiores ou de formación profesional. Durante o presente curso trabállase con 15 estudantes, entre os que se detecta unha maior presenza de mulleres.
Ademais, 28 nenos participan no programa de obradoiros de ocio interculturais nos que se trata a educación en valores, a educación para a saúde ou aspectos ambientais.
O Concello de Pontevedra tamén se comprometeu a solicitar á Real Academia Galega que retire a acepción negativa que figura sobre o termo 'xitano'. Unha das reivindicacións no Día Internacional do Pobo Xitano, celebrado este 8 de abril.
Relacionadas:
-
A bandeira tricolor do pobo xitano xa ondea na Casa Consistorial
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Propoñen impulsar aínda máis a Casa Azul e convertela nun centro sociocomunitario do centro histórico
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontevedra celebra o día internacional do pobo xitano
Por Redacción |