Cambados namórase do albariño con burbullas
Por Redacción
Unha excelente posta en escena e mais un notorio poder de convocatoria, con máis de 140 persoas, reforzaron a presentación en sociedade dos escumosos Rías Baixas, brilante evento que se celebrou no salón de congresos José Peña.
A meirande parte dos asistentes a esta elegante estrea pertencían ao sector vitivinícola, convocados polo Concello de Cambados para impulsar o selo de calidade albariñense tamén na temporada invernal.
Na presidencia do acto, ademais do alcalde Luis Aragunde, estiveron o delegado territorial da Xunta, José M. Cores Tourís, o director xeral de Medio Rural, Tomás Fernández, e o secretario do consello regulador, Ramón Huidobro.
Todos coincidiron en loubar o "valente e decidido" plantexamento empresarial de sacar ao mercado estes cinco viños escumosos de calidade malia os tempos de dificultade económica que atravesamos.
Para o alcalde organizar este tipo de eventos supón unha obrigación institucional que permite impulsar e potenciar a marca de calidade Rías Baixas. "Nós non queremos que Cambados sexa capital do albariño só pola extraordinaria festa de agosto, queremos que Cambados sexa capital albariñense ó longo de todo o ano con este tipo de acontecementos que reforzan o sector e que serven para abrir novos mercados", suliñou Luis Aragunde.
A intención do Concello, unha vez comprobada a excelente resposta das adegas, dos profesionais do sector e do público en xeral, é a de repetir este tipo de actos que afortalan a imaxe de Cambados e dos seus ledizosos produtos de calidade.
"Queremos que Cambados sexa capital albariñense ó longo de todo o ano"
As cinco adegas presentaron as súas respectivas elaboracións que o público ía catando ao tempo que degustaban as ostras aportadas polas depuradoras cambadesas que contribuiron deste xeito á maridaxe de ambos produtos salinenses.