Nin champagne, nin cava, os escumosos de Rías Baixas buscan un nome propio
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu homólogo na Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, coincidiron este luns en destacar as posibilidades de futuro dos viños escumosos das Rías Baixas e a oportunidade que representa para a diversificación e a ampliación de mercado dos seus produtos.
Fixérono nunha rolda de prensa celebrada no Pazo Provincial e na que incidiron na necesidade de crear unha imaxe de marca e unha nomenclatura propia "acorde coa calidade do produto" e que facilite e mellore a súa comercialización.
Este é precisamente o obxectivo do concurso de ideas convocado por ambas as dúas institucións e que premiará con 5.000 euros a idea gañadora.
"Un produto de máxima calidade, pero a súa identificación non é acorde"
Neste sentido, Rafael Louzán subliñou que a Denominación de Orixe está a comercializar nestes momentos "un produto de máxima calidade, pero a súa identificación non é acorde", polo que definir un novo nome e unha nova imaxe que o identifique é fundamental para sacarlle o máximo rendemento.
"Hai un segmento de mercado moi importante para estes viños escumosos que creo que debemos aproveitar asegurou Louzán- e que quizais neste momento non estea sendo aproveitado en toda a súa dimensión".
No mesmo sentido se manifestou Juan Gil, para quen deste concurso de ideas ten que "surgir un nombre que identifique este producto, que tiene un largo porvenir" como o demostra a súa evolución no pouco tempo que as adegas o levan elaborando.
"La normativa que lo aprobó tiene sólo dos años, pero tiene un largo recorrido por delante y puede ser un buen producto para nuestra Denominación de Origen", concluíu Gil, para quen o requisito principal para a nova marca será "que refleje los atributos de nuestros vinos: atlánticos, frescos; y las características de uno espumoso: la espuma, la burbuja, la alegría, la fiesta ... ".
CONCURSO ABERTO
O concurso é aberto ao público en xeral e cada candidato deberá presentar unha única proposta versátil con capacidade de adaptarse en diferentes formatos e espazos, pois deberá convivir con outros logos e marcas da propia D.O.
O concurso está dotado cun único premio de 5.000 euros e os interesados terán ata o 16 de outubro para presentar as súas propostas no Rexistro Xeral da Deputación.
Entre os membros do xurado figuran dous profesores da Universidade de Vigo, dous representantes da D.O. Rías Baixas e o xefe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Relacionadas:
-
O Nadal chega con 90.000 litros de escumosos Rías Baixas certificados
Por Redacción |
-
Os viños escumosos de Rías Baixas contarán con marca e nome comercial propio no Nadal
Por Redacción |
-
Tres prescriptores canadenses enxalzan os viños de Rías Baixas
Por Redacción |
-
Areeiro asesorará a unha empresa coruñesa para producir o primeiro té ecolóxico de Europa
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan un concurso de ideas para deseñar unha imaxe que identifique os viños escumosos Rías Baixas
Por Redacción |
-
Albariño con burbullas para brindar en Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
Cambados namórase do albariño con burbullas
Por Redacción |
-
Albariño en copa de champaña
Por Redacción |