Queremos Galego freta autobuses para manifestarse a prol da lingua o 8 de febreiro en Santiago
Por Redacción
O 8 de febreiro vai celebrarse unha manifestación en Santiago de Compostela convocada por Queremos Galego á que se vai sumar este colectivo en Pontevedra coa posta en marcha de autobuses con cidadáns que queiran asistir a esta mobilización.
Tres integrantes de Queremos Galego Pontevedra, Kiko da Silva, Sabela Bará e Xosé Rei, anunciaron que o vindeiro xoves 29 de xaneiro van manter unha xuntanza na que participará o portavoz Marcos Maceira para informar sobre as necesidades desta manifestación. O colectivo amosa a súa preocupación polos datos do Instituto Galego de Estatística que indican o descenso do uso do galego entre a poboación situándose nun 47% a porcentaxe de galego falantes. Xosé Rei apuntaba que é a primeira vez que a cifra se sitúa por debaixo do 50%, malia que en comarcas como a de Pontevedra a situación continúa estable.
O debuxante Kiko da Silva sinalou que, tras a xeración de rapaces que medraron co Xabarín Club, os nenos carecen dun programación infantil, con series de debuxos de moda, por parte da Televisión de Galicia que axuden á utilización do galego entre os menores. Tamén denuncian o dano que, ao seu entender, causou o decreto do plurilingüismo nas escolas que provoca que o galego non sexa usado na Escola Infantil mentres o inglés si é obrigatorio nalgunhas asignaturas. "A Xunta está rematando coa saúde e coa saúde da cultura", apuntou Kiko da Silva que lamentou tamén a diminución da produción de libros galegos nos últimos anos.
Por estes motivos, Queremos Galego fai un chamamento cidadán para que os pontevedreses poidan sumarse á marcha en Santiago que percorrerá as rúas baixo o lema "Polas fillas dos nosos fillos". Os autobuses de Pontevedra partirán ás 10.30 horas do Pavillón dos Deportes e aquelas persoas que queiran participar poden enviar un correo electrónico a pontevedraqueremosgalego@gmail.com ou nos teléfonos 986.852.950 ou no 986.866.205.