Queremos Galego sairá á rúa para animar os pontevedreses a asisitr á marcha pola lingua en Santiago
Por Redacción
Os integrantes de Queremos Galego sairán á rúa para explicar aos viandantes sobre a necesidade de reivindicar o uso da lingua galega a través da manifestación que foi convocada para o próximo domingo 8 de febreiro en Santiago de Compostela.
Demetrio Gómez e Xacobe Rodríguez ofreceron unha rolda de prensa para anunciar que do mércores 4 ao venres 6, o colectivo ten previsto realizar unha campaña informativa na Praza da Peregrina. Dende o colectivo lamentan a actitude do goberno da Xunta de Galicia que, segundo Demetrio Gómez, "négase a aceptar a realidade" e afirma que na manifestación hai que berrarlle que ten que cambiar a política lingüística, porque non é de apoio á linguagalega, senón que é unha política "lingüicida", cun obxectivo: facer desparecer de apoios á lingua galega". O representante do BNG sinalou que a Xunta é "a primeira institución pública que prohibe o uso da língua galega dende o franquismo".
Neste sentido, Xacobe Rodríguez de CIG, sinalou que a primeira medida que adoptou o goberno de Núñez Feijóo foi a eliminación da proba do galego para acceder á función pública. E dende Queremos Galego reclaman que se volva instaurar o plan de normalización lingüística e que nos colexios se imparta o 50% das materias en galego. Denuncian que só catro familias en Galicia reclamaron o ensino total en castelán, o que supón un gasto de 28.000 euros.
O mércores desta semana, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibirá a Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, para mostrarlle o seu apoio á manifestación reivindicativa.
A plataforma porá autobuses gratuítos para todos aqueles que queiran trasladarse dende Pontevedra á manifestación.