A oficina de turismo de Sanxenxo opta a ser a primeira de carácter municipal coa 'Q de calidade'
Por Redacción
A oficina municipal de turismo de Sanxenxo, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, optará a unha nova distinción nacional. Trátase da 'Q de Calidade'. De conseguila, segundo explicou a alcaldesa Catalina González, sería a primeira de Galicia que obtén este prestixioso selo a nivel municipal, xa que por agora só foi concedida á oficina de turismo de Rías Baixas, en Pontevedra.
"A calidade é a gran aposta deste destino porque actualmente supón a principal baza á hora de competir dentro da ampla oferta turística existente", subliñou a rexedora, quen destacou así mesmo que "neste camiño cara a excelencia imos da man o sector público e o privado, polo que estamos moi satisfeitos coa implicación que os empresarios do municipio están amosando".
Para optar ao galardón outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española, será preciso realizar un diagnóstico inicial da situación, elaborar unha base documental, implantar a norma UNE 187003: 2008, levar a cabo unha auditoría externa e superar un exhaustivo exame externo no que se comprobará o cumprimento do sistema.
Entre os aspectos a analizar destacan a xestión dos servizos que ofrece a oficina, a atención ao público, os índices de satisfacción do cliente e a accesibilidade da súa localización, entre outras cuestións.
"Dende a Administración local queremos ampliar as certificacións de calidade coas que contamos e que conseguimos xa para as praias de Silgar, Areas e Canelas e para o Porto Deportivo Juan Carlos I", apuntou a alcaldesa, ao tempo que incidiu no esforzo que leva consigo aspirar a contar con este selo de calidade "que se ve recompensado pola imaxe e o prestixio que outorga".
Non en van, Sanxenxo é o municipio de Galicia con maior número de distintivos Q de Calidade e SICTED, "un feito que vai en beneficio non só da marca deste destino senón tamén do nivel de satisfacción dos turistas e visitantes que se achegan ao noso municipio", afirmou a alcaldesa.
Relacionadas:
-
Sanxenxo será destino turístico en tempada media e baixa para maiores europeos
Por Redacción |
-
Sanxenxo será o único representante galego no comité interdestinos de Turespaña
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul
Por Redacción |
-
Outras seis empresas de Sanxenxo optan ao selo Sicted "polo traballo ben feito"
Por Redacción |
-
Certificado nacional 'Q de calidade' para Silgar, Areas e Canelas
Por Redacción |