Ningún veciño de Cambados sen Nadal
Por Redacción
'Ningún veciño sen Nadal'. Podería ser unha campaña máis de recollida de regalos e alimentos que se promove dende distintos colectivos cada ano con motivo do Nadal. Pero esta ten moitas máis singularidades. A principal, que os destinatarios do material doado son veciños de Cambados de todas as idades, e non só nenos e persoas maiores como resulta habitual.
A campaña promóvea a asociación xuvenil do Refuxio de Animais de Cambados e, segundo indican, destínase á "recollida de alimentos e xoguetes para todos os veciños que nestas datas o están a pasar mal".
Os promotores e a súa idade tamén son un trazo diferencial, pois trátase de nenos e mozos de entre 4 e 21 anos que queren axudar aos seus veciños. Todo o recadado se entregará aos servizos sociais municipais en paquetes "para todas as familias que agora mesmo o necesitan".
A campaña empezou a divulgarse pola rede social Facebook, pero a partir deste venres 7 de decembro en todos os supermercados de Cambados a excepción de Mercadona haberá expostos carros identificados co cartel da iniciativa.
Os puntos de recollida fixados ata o momento son Establecimientos Otero e Cadena Trébol, pero ao longo dos próximos días espérase establecer máis localizacións.