Doces e xoguetes socialistas contra as políticas de recortes do Goberno
Por Redacción
Alimentos non perecedoiros, xoguetes, material escolar e, como non, doces de Nadal. As Xuventudes Socialistas suman unha nova campaña solidaria ás iniciativas desta natureza que proliferan coa proximidade do Nadal e puxeron en marcha por toda Galicia recollidas de distintos tipos de produtos cos que axudar a pasar a unhas mellores festas aos máis necesitados.
A secretaria de Organización de Xuventudes Socialistas de Galicia,Vanesa Gómez, presentou este luns a campaña no que respecta á provincia de Pontevedra. Puxéronse en marcha iniciativas en Pontevedra, A Estrada, Ponte Caldelas, Meis, Vilagarcía e Cambados.
Vanesa Gómez insistiu en que "é solidariedade, non caridade" e en que responde a un intento de dar resposta ás políticas de recortes postas en marcha pola Xunta de Galicia e o Goberno estatal e que están deixando os servizos sociais sen fondos.
O secretario de Organización en Pontevedra, Amadeo Cuiñas, explicou que no caso da capital da provincia a campaña chámase DoceNadal'12 e instaláronse en seis dos oito institutos públicos da cidade puntos de recollida de doces de Nadal. Estarán abertos ata o mércores, cando se procederá á súa entrega á RedeAxuda municipal para a súa repartición entre as entidades que a integran.
O secretario de Xuventudes na Estrada, Esteban Tato, indicou que no caso deste municipo a campaña céntrase na recollida de material escolar e xoguetes que logo se distribuirán a través de Cáritas. No caso de Ponte Caldelas, a responsable da agrupación, Liliana Lorenzo explicou que solicitan da cidadanía xoguetes que logo canalizarán a través dalgunha entidade social do municipio.