Funcionarios municipais recolectan unha 'extra' de alimentos contra a crise
Por Natalia Puga
Un grupo de funcionarios de distintos departamentos municipais uníronse para poñer en marcha unha campaña anónima coa que repartir dalgunha forma "a sorte que tivemos de que ao final cobramos a paga extra".
O Concello de Pontevedra aboa este mes aos traballadores municipais un complemento de produtividade para compensar a retirada da paga extra de Nadal aos funcionarios aprobada polo Goberno central. A medida permitiu conservar a súa paga a preto de 500 empregados locais e estes quixeron, dentro das posibilidades de cada un, facer unha achega altruísta a persoas máis necesitadas.
Un cartel sen sinatura apareceu un día colgado en dependencias municipais. Promovía unha recollida de alimentos non perecedoiros e produtos de primeira necesidade entre os traballadores con intención de entregalos logo ás entidades integradas na iniciativa Redeaxuda.
Agora desvelouse parte do misterio e sábese que a iniciativa partiu dos traballadores da unidade de Servizos Operativos, pero os seus promotores prefiren "non sair, que non saiba quen somos, porque é algo de todos", que saben que ter un traballo e conservar a paga de Nadal é moito máis do que poden dicir unha parte importante de pontevedreses.
De feito, outros departamentos municipais uníronse a acción e entre este mércores 28 de novembro e o venres 7 de decembro recolleranse todas as doazóns na Corserxería do Concello e as instalacións dos Bombeiros, a Policía Local e a nave de servizos.
Nos carteis xa amosan a súa intención ao sinalar que se promove "co obxectivo de paliar a crise". Un dos seus promotores ampliou a PontevedraViva que "tal e como está a situación actual, nós queremos facer algo nese aspecto".
Prevén que podemos reunir un volume considerable de alimentos" que poderán axudar a pasar un mellor Nadal ás persoas máis necesidades do municipio.