A Madrid Fashion Week máis pontevedresa: catro alumnos da Esdemga brillan con luz propia
Por Redacción
Calquera estudante ou titulado de moda soña con participar algún día na prestixiosa Madrid Fashion Week, coñecida anteriormente como a Pasarela Cibeles. Soen presentar cada semestre as súas coleccións buscando ser seleccionados para Ego, a plataforma para novos talentos. En cada edición son nove os deseñadores que presentan as súas creacións e desta vez, tres deles forxaron o seu talento na Escola de Moda e Deseño Téxtil de Galicia (Esdemga).
Eva Soto, Elena Rial e Laura González foron as tres representantes da escola pontevedresa nun evento que centra as miradas dos principais referentes do sector da moda en España, motivo polo que as tres deseñadoras coincidiron en sinalalo como un grande escaparate que achegará unha maior proxección as súas traxectorias profesionais. Mostraron os seus deseños na xornada de clausura da edición número 60 desta pasarela.
Elena Rial puido amosar en Cibeles as súas Vivian Girls, unha colección baseada no traballo de fin de estudos co que fora premiada na última edición de Debut. Causou boas impresións cos seus deseños, que elaborou inspirándose na obra de Henry Darger. A experiencia foi moi positiva para ela: "Tes que estar varios días antes en Madrid para probar as prendas coas modelos e facer os últimos retoques, pero logo, o día do desfile pasa todo moi rápido", dixo.
A súa compañeira de promoción Laura González, baixo o pseudónimo de Waverley, achegou ao Ego I killed the teen dream, unha versión ampliada do seu traballo de fin de estudos. "Foi algo xenial, pasas do Debut a un desfile totalmente profesional", destacou esta deseñadora asturiana, que abordou "a morte adolescente" a partir dos tópicos da cultura americana, como a comida rápida, California, o culto ás deportivas ou a obsesión pola fama e a beleza.
A representación pontevedresa completouna a cambadesa Eva Soto, que repetiu por terceiro e último ano na pasarela para novos talentos. Nesta ocasión presentou unha colección inspirada nas formas e o funcionamento do cerebro e definida polo uso de cores fortes nunhas prendas compostas por unha única peza de tea pregada sucesivas veces. "Estou moi contenta, xa que todo saíu moi ben", salientou esta alumna da promoción de 2008 de Esdemga.
OUTRO ALUMNO DA ESDEMGA EN CIBELES
Outro titulado da última promoción de Esdemga que pasou nestes días polo Ifema, onde se desenvolve a Madrid Fashion Week, foi Rafael J. Cameselle. Medio ano despois de presentar no Ego a súa colección Antígona, este deseñador vigués retornou á Madrid como un dos seleccionados para o New Talent Shop, unha iniciativa promovida polo portal Ebay no seo desta pasarela.
"A raíz da colección de Ego, puxéronse en contacto comigo para participar neste proxecto, que consiste no deseño dunha prenda comercial que se pon á venda a través de Internet", explicou Cameselle. Concretamente, tratábase de crear un xersei, para o que este titulado retomou os patróns de Antígona, cos que creou unha prenda que mantén "o mesmo tipo de estampados, pintados a man, de flores de camelia".
A edición limitada de 21 pezas que Cameselle presentou na Madrid Fashion Week e que permanecerá á venda a "un prezo moi axustado" durante todo o mes, constituíu ademais a primeira oportunidade de comercializar unha das súas creacións. Por ese motivo, define o seu segundo paso por Cibeles como "unha nova oportunidade para que vaian saíndo cousas e para a que xente poida ver os teus deseños".
Relacionadas:
-
Elena Rial amosa o seu talento baixo os focos do Ego
Por Redacción |
-
Esdemga volverá estar representada no Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
Debut 2014, moito máis que un desfile para unha Esdemga que celebra o seu décimo aniversario
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha fotografía dunha estudante de Belas Artes, portada do dominical do New York Times
Por Redacción |
-
Esdemga busca modelos para o desfile co que celebrará os seus dez anos de historia
Por Redacción |
-
Dúas alumnas de Esdemga seleccionadas para a pasarela Ego
Por Redacción |
-
A Lady Gaga gústalle a Esdemga: unha das súas alumnas vestirá a artista no seu próximo videoclip
Por Redacción |
-
Debut 2013: Esdemga volve sorprender coas frescas e innovadoras propostas dos seus alumnos
Por Redacción & Diego Torrado |