Unha fotografía dunha estudante de Belas Artes, portada do dominical do New York Times
Por Redacción
A portada do número anual que o dominical do New York Times dedica á cultura ten o seu xerme na facultade pontevedresa de Belas Artes. ÿ obra da artista coruñesa Victoria Diehl, que durante a súa formación académica especializouse en mesturar modelos e estatuas clásicas. O seu traballo chamou a atención de Joanna Milter, a editora de fotografía do xornal estadounidense. Foi hai dous anos, durante a celebración do festival PhotoEspaña en Madrid.
E o pasado mes de agosto recibiu unha inesperada chamada desde os Estados Unidos. A revista decidira contar con ela para unha sesión de fotos coa actriz Lena Dunham, protagonista da serie Girls. Querían darlle un enfoque clásico á súa portada e acordáronse do seu traballo.
Tomando como punto de partida unha fotografía que ela mesma realizara anos atrás da estatua Venus Victrix, na que Antonio Canova retrata a Paulina Bonaparte, irmá de Napoleón, Victoria Diehl marchou o 18 de agosto a Nova York para realizar unha sesión fotográfica coa propia actriz, na que obtivo as imaxes que lle permitiron logo "traballar na posprodución mesturando imaxes da actriz e da estatua".
Semanas máis tarde, o 14 de setembro, o resultado final deste proceso vía a luz como portada do anuario de cultura do suplemento dominical do New York Times, para logo entrar tamén a formar parte dunha exposición itinerante de fotografías realizadas para este xornal ao longo dos últimos trinta anos.
"Foi algo inesperado, pero tamén unha grande oportunidade de darme a coñecer nos Estados Unidos, xa que a revista ten unha grande difusión e permíteme chegar a máis xente fóra dos círculos da arte contemporánea, máxime cando a actriz elixida é moi coñecida alí", apunta Diehl, que recoñece que foi "un verdadeiro reto, xa que había que conseguir que se recoñecera a Dunham, pero tamén que se transformara nunha escultura clásica".
Esta portada do New York Times Magazine tivo como punto de partida unha serie de fotografías que realizou en 2003 como alumna de Belas Artes e que no seu día naceron "como un exercicio para unha materia". O seu obxectivo, relata, era indagar "na metamorfose, na transformación do corpo levándoo a fronteiras non definidas", algo que levou a cabo combinando as fotografías feitas a modelos coas realizadas a esculturas clásicas.
Na actualidade, Victoria Diehl traballa como profesora na Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade de Zaragoza.