Debut 2014, moito máis que un desfile para unha Esdemga que celebra o seu décimo aniversario
Debut é moito máis que un desfile. Trátase dun evento que, segundo a Universidade de Vigo, converterá a próxima semana a Pontevedra no "centro neurálxico" da moda en Galicia. A pasarela, na que os alumnos dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) presentan os seus traballos de fin de carreira, chega á súa oitava edición. Celebrarase o próximo xoves 27 de novembro no Recinto Feiral.
"Para nós, esta semana é unha forma de conectarnos coa cidade e amosar o que se fai en Esdemga e na Facultade de Belas Artes", destacou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na presentación do programa de actividades que se organizan arredor desta "data sinalada non noso calendario". E este ano, con máis motivo, xa que coincide co décimo aniversario desta titulación propia da universidade pontevedresa.
O editor de I-D Spain, Vicente Ferrer; o deseñador Leandro Cano; o recrutador de talentos de Inditex, Iñigo Guzmán; e a artista Mayumi Yamase, formarán o xurado responsable de decidir cal será o proxecto gañador dunha pasarela na que estrearán as súas coleccións Marta Álvarez, Antía Brión, Raquel Chapela, Sheila Dopazo, Javier Nogueira, Graciela Ramil, Julia Soutullo, Yeray Suárez, Sara Adelaida Vázquez, Aroa Veiga, Pedro Vilar e Ela Nahir Viso.
Son doce estudantes que ao longo dos últimos meses deron forma a unhas coleccións "moi interesantes, de gran calidade e cunhas diferenzas de estilo que nos falan de creadores cunha subxectividade construída, é dicir, de deseñadores con identidade propia," segundo Dopico. A directora de Esdemga sinalou que esta pasarela, para todos eles, é un punto de chegada polo fin dos seus estudos e, ao mesmo tempo, un punto de partida cara á súa carreira profesional.
Pero con motivo deste décimo aniversario da escola, a Esdemga optou tamén por "botar a vista atrás". Lola Dopico avanzou que o desfile se completará cunha exposición das coleccións realizadas polos titulados premiados nas sete edicións anteriores da pasarela. Supoñerá o xerme dunha exposición maior que "que nos permitirá facer un pouco de memoria" e que se levará a cabo proximamente.
O catálogo de Debut 2014 completarase cun proxecto, impulsado con Turismo Rías Baixas, que permitiu "vencellar a innovación e o deseño co noso patrimonio cultural e paisaxístico", explicou a directora da escola. Esta idea reuniu deseños de carácter "experimental" de alumnos de primeiro curso, a futura décima promoción de Esdemga, para crear unha colección de fotografías realizadas en coñecidos enclaves turísticos da provincia.
ACTIVIDADES PARALELAS
As actividades paralelas que se celebrarán en Pontevedra con motivo de Debut 2014 comezarán xa o luns 24 coa apertura das Xornadas de Pensamento e Investigación en Deseño. Trátase dunha iniciativa na que se combinarán as conferencias abertas a toda a cidadanía na Casa das Campás cunha serie de obradoiros de carácter práctico que terán lugar na Facultade de Belas Artes.
A investigadora María Castellanos, a deseñadora Elena Corchero, o artista e tecnólogo Ricardo O ´ Nascimento e o gañador da última edición do Samsung Innovation Project do Madrid Fashion Week, Leandro Cano, serán os responsables de impartir tanto as conferencias coma os talleres destas xornadas, dedicadas a coñecer aqueles "proxectos híbridos" nos que se mesturan deseño, moda, arte e tecnoloxía.
Pasado o día da propia pasarela, o venres 28 terán lugar as tradicionais xornadas técnicas na Casa das Campas, nas que profesionais de moda e responsables de recursos humanos de diferentes empresas do sector se entrevistarán cos autores das coleccións que lles chamasen a atención durante Debut 2014. Ademais, haberá conferencias de Íñigo Guzmán e Miriam González sobre as entrevistas de traballo e de Vicente Ferrer sobre os medios especializados en moda.
Relacionadas:
-
RADIO.- Os brazos de Alaska levan a súa creatividade na pel
Por Marisa Ciordia |
-
Javier Nogueira triunfa nunha vistosa pasarela Debut 2014 no décimo aniversario de Esdemga
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A pontevedresa Sheila Pazos, premio 'Xuventude Crea' na modalidade de moda
Por Redacción |
-
Esdemga busca modelos para o desfile co que celebrará os seus dez anos de historia
Por Redacción |
-
A Madrid Fashion Week máis pontevedresa: catro alumnos da Esdemga brillan con luz propia
Por Redacción |