Elena Rial amosa o seu talento baixo os focos do Ego
Por Redacción
"A verdade é que estou moi contenta, ata que cheguei a Madrid non puiden ver a colección ao completo e non estaba moi convencida, pero cando vin todo xunto, gustoume moito", salienta a deseñadora Elena Rial do seu proxecto Hey Boo, que na tarde deste martes presentou no Ego da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, ao que esta titulada nos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) acudía por segunda vez.
"Despois do desfile recibín moitos comentarios positivos e gustaríame seguir coa colección e poder facer algún proxecto interesante con ela", engade esta egresada, que achegou a esta plataforma para novos deseñadores unha vintena de estilismos inspirados nas obras realizadas por persoas que padecían unha enfermidade mental, que a comezos do pasado século recolleu nun libro o psicólogo alemán Hans Prinzhorm.
Coa posta en escena das súas propostas nun desfile que compartiu co dúas veces gañador do Mercedes-Benz Fashion Talent David Catalán, esta deseñadora natural de Mos puña fin a semanas de intenso traballo, a cabalo entre Galicia e Berlín, cidade na que actualmente reside.
"Ao Ego preséntanse moitos proxectos, polo que ata que sabes que es unha das seleccionadas non podes comezar a traballar na colección, polo que son meses de moito traballo", recoñece esta egresada, que foi finalmente unha das nove escollidas polo xurado do Samsung Ego, xunto con Catalán, Azabala, Paloma Suárez, Pedro Covelo, 44, Juan Carlos Pajares e o escollido polo xurado como gañador do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Xavi Reyes.
Nese senso, Rial, que hai un ano se estreou no Ego con Vivian Girls, a versión ampliada e revisada da colección que constituíu o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga e coa que logrou o primeiro premio en Debut 2013, incide na "visibilidade e a proxección" que outorga "unha pasarela moi importante a nivel nacional e moi recoñecida tamén fóra de España", á que non descarta intentar retornar no futuro.
"Encantaríame, porque gustoume moito a experiencia, pero necesitaría máis tempo, xa que é moita produción”, sinala esta egresada que recoñece que dous meses despois do seu anterior paso por Ego, “xa estaba pensando que podería facer para o ano seguinte".
Relacionadas:
-
Quero a mochila Human 2.0
Por Marisa Ciordia |
-
Os alumnos de Deseño e Moda buscan modelos para o seu Debut
Por Redacción |
-
Esdemga volverá estar representada no Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
As alumnas de Esdemga gañadoras do concurso Talento y Co entregan o seu premio á Universidade
Por Mónica Patxot |
-
A Madrid Fashion Week máis pontevedresa: catro alumnos da Esdemga brillan con luz propia
Por Redacción |