Un millón de euros e 100 traballadores para potenciar o Camiño Portugués en 12 concellos pontevedreses
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra investirá un millón de euros en potenciar o Camiño Portugués ao seu paso pola provincia, no que toca terreos de 12 concellos diferentes. Para avanzar nesta liña, a institución provincial ten xa contratados a 50 traballadores e ampliará nos próximos días esta cifra ata os 100, que realizarán traballos de limpeza e acondicionamento da ruta, na que este ano se rexistrou un incremento do 16% no número de peregrinos.
O presidente provincial, Rafael Louzán, deu a coñecer esta aposta da institución provincial polo Camiño ao remate da xuntanza da primeira Mesa de Traballo creada en Galicia para promover e poñer en valor o Camiño Portugués. Este luns quedou formalmente constituída coa participación dos 12 concellos polos que pasa esta ruta, os departamentos de Turismo e Patrimonio da Xunta, a Xerencia do Xacobeo, a Deputación e a Fundación do Camiño Portugués a Santiago.
Segundo sinalou Louzán, traballan xa co obxectivo de converter esta ruta nun "referente de accesibilidade, referente en sinalización e referente nun trato exquisito de información aos peregrinos" e unha consultora está a facer un estudo para a eliminación de puntos negros no cruce do camiño coas estradas nacionais, autonómicas e provinciais, así como en tarefas de sinalización e consolidación do camiño.
A secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, incidiu na importancia de iniciativas como esta mesa de traballo, pois o Camiño de Santiago é o "primeiro elemento vertebrador" do turismo en Galicia. Ademais, o 60% dos peregrinos que fan as distintas variantes do camiño son de fóra de España, "polo que é preciso que esteamos preparados todos, tanto o sector público como a hostalería, a restauración e os servizos para mellorar o camiño".
A directora xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Ínsua, anunciou que a partir do mes de setembro comezarán as conversas cos concellos para a delimitación oficial do trazado do Camiño Portugués. Xa están realizados os estudos históricos necesarios e é un dos aspectos nos que traballa a Mesa de Traballo recén constituida.
Louzán pediu a implicación dos concellos e "superar posibles susceptibilidades" para sacar adiante a delimitación definitiva, da que considera que fará moito máis fácil manter o camiño en perfecto estado.
Relacionadas:
-
Empezan os traballos de limpeza e acondicionamento do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Preto de 100 operarios comezan este luns a acondicionar o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Pontevedra será "epicentro" dun Camiño Portugués que busca igualar o francés no próximo Ano Xacobeo
Por Alejandro Espiño |
-
Unha mesa de traballo permanente potenciará o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
O Camiño Portugués incrementa o número de peregrinos fronte ao Francés
Por Redacción |