O Camiño Portugués incrementa o número de peregrinos fronte ao Francés
Por Redacción
O 27 de abril quedará como unha data importante para os Amigos do Camiño Portugués porque se superou o número de usuarios por esta ruta xacobea fronte á do Camiño Francés. Esa xornada 454 peregrinos percorreron o tramo de orixe lusa fronte aos 452 que camiñaron polo Francés.
Segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, este tramo cada vez adquire maior importancia e por ese motivo o martes 27 de maio celebrará unha reunión coa secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, e cos alcaldes de concellos polos que pasa o Camiño Portugués. Este encontro servirá para consensuar un Plan Integral de Actuación nesta ruta xacobea coa finalidade de mellorala e poñela en valor.
O obxectivo, segundo sinalou o presidente provincial, é formular unha mellora na sinalización do Camiño e outras reformas relativas aos albergues e ao estado de conservación da ruta.
Durante o mes de abril recolleron a Compostela 17.348 peregrinos, dos que 8.246 eran españois e os restantes 9.102 eran estranxeiros. O Camiño Francés foi escollido por 11.383 peregrinos mentres que o Portugués contou con 3.552, o 20,47% do total de viaxeiros. En canto a pernoctacións durante ese mesmo mes o Camiño Portugués tivo 5.348 fronte ás 16.921 do Francés.