"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Eu cometí un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán". Foi a alegación final de Santiago Gómez Lorenzo, acusado de matar o seu irmán dun disparo en Guillán (Vilagarcía de Arousa), que aproveitou a oportunidade de dicir unhas palabras ao xurado popular antes de que este xoves se encerren a deliberar sobre a súa responsabilidade nestes feitos para aclararlles as súas intencións aquela tarde-noite de setembro de 2012 cando, no transcurso dunha discusión, disparou ao seu irmán Alfonso causándolle pouco despois a morte por shock hipobolémico, desangrado tras alcanzarlle a arteria femoral.
A terceira sesión do xuízo contra Santiago Gómez pechouse este mércores con longos informes finais dos avogados da acusación particular e a defensa, que afondaron nas diferenzas entre as versións do acusado e a viúva e as fillas do falecido en relación co que aconteceu en Guillán.
Ambos os dous mantiveron as súas conclusións provisionais definitivas tras tres días de xuízo, de tal forma que a acusación pide 20 anos por asasinato coa agravante de parentesco ou, alternativamente, 15 anos por homicidio doloso coas agravantes de parentesco e abuso de superioridade e a defensa pide o seu libre absolución por unha falta de imprudencia leve na que conflúan as eximentes de lexítima defensa, medo insuperable e obrar impulsado por un estado de necesidade ou, alternativamente, os atenuantes de confesión e arrebato.
O avogado da acusación si realizou unha pequena modificación no seu relato dos feitos, ao introducir de forma explícita que o falecido e o procesado mantiñan malas relacións, pero "pese a ello, seguían guardándose el afecto y cariño propio como hermanos".
O fiscal introduce a petición alternativa de que o procesado sexa condenado por un delito doloso de lesións en concurso cun homicidio imprudente.
O fiscal sorprendeu nas súas conclusións ao manter a súa petición de que Santiago Gómez sexa condenado a dez anos de prisión por un homicidio no que concorre a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de confesión, pero, alternativamente, introduce a petición de que sexa condenado a tres anos, seis meses e un día de prisión como autor dun delito doloso de lesións en concurso cun homicidio imprudente.
O representate do Ministerio Público, Juan Carlos Aladro, modificou o seu relato dos feitos do escrito de acusación provisional para introducir unha última frase como cualificación alternativa: "el acusado, con ánimo de herir a su hermano, disparó a éste en una pierna, de forma que la evolución de la herida producida a consecuencia del disparo produjo en este la muerte".
Durante esta última sesión do xuízo, os peritos de balística sinalaron que o autor do disparo (Santiago Gómez recoñeceu que fora el) estaba a unha distancia máxima dun metro ou metro e medio, pero cabe a posibilidade de que estivese a menos dun metro e outros especialistas da Garda Civil que fixeron as probas de ADN dunha navalla que apareceu nun muro próximo ao lugar dos feitos concluíron que neste arma branca había restos biolóxicos do falecido e da súa viúva, pero non sangue.
O avogado defensor utiliza ese dato para manter que o falecido e o procesado mantiveron unha discusión e, no transcurso desta, o falecido sacou unha navalla e dirixiuse cara ao procesado, momento no que este, por medo a que o rachase, disparou a escopeta. Esa navalla non apareceu no lugar dos feitos e a viúva, testemuña presencial do disparo, asegura que non viu en ningún momento ese arma branca. Fronte a isto, o avogado defensor sostén que a viúva colleu a navalla e a escondeu nun muro.
Alegación final de Santiago Gómez:
"Oxalá supérades o que eu pensaba nese momento, o que eu fixen nese momento. Iso é o que quería eu, que vos estiverades realmente dentro de min e que alguien, como se suele decir, alguien iluminado, dixera a verdade, o que eu quixen facer, o que fixen. Eu non o quixen facer por nada do mundo. Iso é o que eu digo (llanto). O que me gustaría decirlle que eu jamás quixen matar a meu irmán. Iso que lle quede claro a todo o mundo. Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán. E se non falei coa viuda foi porque non tuven ocasión nin coas súas fillas, pero a miña familia ese día estivo con ela en todo momento. E falei con meus irmáns cos que non me levaba e pedínlle perdón, díxenlle o que pasara, e eles falaron comigo. E eu díxenlle a verdade sempre. Agora que vostedes decidan o que queiran facer comigo".
Relacionadas:
-
Un acordo cunha condena a dous anos de prisión evita volver xulgar o crime fraticida de Guillán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción |
-
O Supremo ordena ditar nova sentenza contra o condenado de matar o seu irmán en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |