O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Santiago Gómez Lorenzo, acusado de matar o seu irmán dun disparo en Guillán (Vilagarcía de Arousa), recoñeceu este luns ante un xurado popular que foi o autor do tiro mortal, pero, na súa defensa, alegou que o fixo "por instinto", pois sentiu "pánico" de que o falecido o atacase cunha navalla e acabou disparando a súa escopeta sen intención de matalo.
O vilagarciano séntase no banco da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra dende este luns. Tanto o fiscal coma a acusación particular (que exercen as fillas e a viúva do falecido) e a defensa expuxeron as súas conclusións no inicio da vista e coinciden na cronoloxía dos feitos aquela tarde en Guillán, pero discrepan totalmente nos detalles e intencións que moveron ao acusado e a vítima.
O fiscal pide que sexa condenado a dez anos de prisión por un homicidio no que concorre a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de confesión. A acusación pide 20 anos por asasinato coa agravante de parentesco ou, alternativamente, 15 anos por homicidio doloso coas agravantes de parentesco e abuso de superioridade. A defensa pide a súa libre absolución por unha falta de imprudencia leve na que conflúan as eximentes de lexítima defensa, medo insuperable e obrar impulsado por un estado de necesidade ou, alternativamente, os atenuantes de confesión e arrebato.
A declaración do procesado acaparou a práctica totalidade da primeira sesión do xuízo. O home, que tras o disparo xa chamou á Policía Nacional confesando que usara a escopeta contra o seu irmán Alfonso, reiterou a versión dos feitos que mantivo dende entón, na que insiste que "no tenía intención de disparar la escopeta", senón que o fixo no marco dunha discusión na que, minutos antes, xa utilizara contra o seu irmán un spray de defensa persoal.
Os feitos aconteceron sobre as 21.20 horas do 20 de setembro de 2012. Tanto o fiscal coma a acusación e a defensa recoñecen que ambos os dous irmáns mantiñan unha relación persoal conflitiva dende había tempo. O procesado atribúe esa mala relación, fundamentalmente, aos problemas co alcohol do seu irmán e asegura que lle ameazara varias veces con anterioridade con que o racharía o pescozo cunha navalla, pero que non hai testemuñas deses episodios.
Froito deses encontróns previos, comprou un spray de defensa persoal e levábao enriba "todo el día", mesmo no traballo. O día dos feitos explica que estaba no seu terreo cando o seu irmán se achegou a el e o ameazou. A nai de ambos os dous convivía co falecido e a súa familia a tan só uns metros de distancia, de modo que, tras iso, o procesado acudiu á casa do seu irmán para trasladarlle o sucedido á súa nai.
Cando estaba a falar con ela, achegáronse Alfonso e a súa esposa, produciuse un enfrontamento verbal e, segundo a declaración do acusado, o seu opoñente botou a man ao peto no que minutos antes había visto que tiña unha navalla. En reacción, regouno co spray de defensa persoal na cara e el foise a limparse.
O acusado declara que "no quería apretar el gatillo", pero "en el último momento, por miedo, por pánico, hice esto"
Tras ese incidente, o acusado regresou á súa casa, colleu unha escopeta que usaba na súa afección á caza e levouna sen cargar ao xardín. Estaba alí cando o irmán lle saíu ao encontro e, segundo o procesado, a pesar de que a súa viúva intentaba evitar o encontrón, encarouse con el. Nese momento, o procesado cargou a escopeta, pero tan só para dicirlles "iros de aquí". O seu irmán insistía, non abandonaba o lugar e dirixiuse cara a el supostamente portando unha navalla. Aínda que "no quería apretar el gatillo", recoñece que "en el último momento, por miedo, por pánico, hice esto. Fue por instinto".
Ao respecto, aclara que a súa intención cando colleu a escopeta non era disparar, "no quería llegar a ese extremo", pero viuse avocado polas circunstancias: "Yo no quería efectuar el disparo, el disparo lo efectué en el último momento, cuando lo vi con la navaja encima". Na súa declaración foi moi gráfico, fixo o xesto de coller a escopeta e explicou que el a dirixiu cara a abaixo, cara á zona das pernas, pero, como o seu irmán se dirixía cara a el correndo, acabou alcanzándolle o fémur. Deulle na arteria femoral e morreuse desagrando tras sufrir un shock hipobolémico.
Tras o disparo, foise para a casa e chamou a Policía advertindo que disparara ao seu irmán e pedindo a presenza dunha ambulancia. Esperou aos axentes no camiño e levounos ao lugar onde se producira o enfrontamento, onde a suposta vítima se desangraba en mans da súa viúva e, a pesar de que os policías lle fixeron dous torniquetes, faleceu. El asegura que sabía que o alcanzara porque "cayó al suelo", pero non esperaba que o alcance da ferida fose tal.
No lugar do incidente non se localizou ningunha navalla, pero si nun muro próximo. O procesado sostén que houbo un momento en que a súa cuñada se ergueu a buscar un vaso de auga para a vítima e que puido esconder alí a navalla, pero tampouco o declara con total rotundidade e dese feito non hai máis testemuñas. A declaración da viúva abrirá a sesión deste martes, pois a sala decidiu suspender a primeira sesión do xuízo tras o arduo interrogatorio ao procesado. A Audiencia reservou tres días para xulgar o caso.
Relacionadas:
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción |
-
O Supremo ordena ditar nova sentenza contra o condenado de matar o seu irmán en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |