Un acordo cunha condena a dous anos de prisión evita volver xulgar o crime fraticida de Guillán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Santiago Gómez Lorenzo recoñeceu este luns, unha vez máis, que en setembro de 2012 disparou ao seu irmán Alfonso na perna esquerda provocándolle lesións que lle causaron finalmente a morte, no coñecido como crime fraticida de Guillán, en Vilagarcía de Arousa.
A confesión non é nova, pois xa aquel mesmo día chamou á Policía Nacional recoñecendo os feitos e no ano 2014 volveu facelo nun xuízo na Audiencia de Pontevedra. A diferenza é que o recoñecemento deste luns, de novo no tribunal provincial, serviu finalmente para dar carpetazo a un asunto que se remonta a seis anos atrás.
O crime xulgouse xa en 2014 e un tribunal de xurado declarouno culpable dun delito de homicidio por imprudencia, pero, tras varios recursos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) primeiro e o Tribunal Supremo despois anulou o veredito do xurado e a condena a unga pena de 11 meses e quince días de prisión e obrigou a volver a celebrararlo cun novo xurado e un presidente do tribunal diferente.
Ese novo xuízo fixouse para toda esta semana, con inicio este luns, pero finalmente evitouse a súa celebración froito dun acordo previo entre a defensa do acusado e a acusación particular ao que se adheriu a Fiscalía. O tribunal de xurado xa non tivo que configurarse e o acusado si entrou en sala e, ante a maxistrada presidenta do tribunal, Rosario Cimadevila, confesouse autor dos feitos e aceptou a condena.
O xuízo quedou visto para sentenza, que se ditará segundo os termos do acordo entre as partes. Santiago Gómez Lorenzo será condenado como autor dun delito de homicidio por imprudencia en concurso con outro de lesións dolosas a dous anos de prisión, a prohibición de achegarse á viúva e fillas do seu irmán durante catro anos e o pago dunha indemnización, en concepto de responsabilidade civil, de 180.000 euros á esposa e 18.000 euros a cada unha das dúas fillas.
Neste acordo aplicáronselle tres circunstancias atenuantes da responsabilidade criminal: reparación do dano (chegaron a un acordo para pagar as indemnizacións), confesión e dilacións extraordinarias, pois "o procedemento dilatouse sen que ela fose atribuíble a Santiago".
Esta nova condena teñen similitudes coa previa que foi anulada, pero un cambio substancial, elimina o feito de que o falecido estivese armado cunha navalla cando discutiu co seu irmán e leste terminou disparándolle.
A nova sentenza considerará como feitos probados que os dous irmáns tiñan unha relación "mala desde facía tempo" e ese día estableceron unha discusión na cal Santiago "sentíndose atacado" por Alfonso, e "na creeencia de que obraba en defensa da súa propia integridade", realizou un disparo contra el cunha escopeta "sen intención de causarlle a morte". A pesar desa falta de intención, o seu irmán morreu.
Tras a celebración da vista oral, o avogado de Santiago, Faustino Seoane, valorou a importancia de que con este acordo "se ha cerrado un capitulo que ha sido muy doloroso para todas las familias".
Os avogados levaban meses de negociacións, nos que"ha habido que limar muchas diferencias y lógicamente ha habido que pasar página por el dolor que ha habido durante todo ese tiempo", pero finalmente o acordo foi satisfactorio para as dúas partes e permitirá, segundo insiste Faustino Seoane, "pasar página de esta situación tan dolorosa que se ha vivido durante todo este tiempo".
O avogado da familia, Carlos Rueda, insistiu tamén na "dolor que ya se lleva asumiendo" durante case seis anos e en que o xuízo supoñía "revivir estos episodios tan desagradables una vez más" e un horizonte longo de meses ou mesmo anos nos que non saberían cal seria o desenlace do caso. Ante tal situación, a familia optou por este acordo para "intentar cerrar heridas y empezar a vivir y conseguir una establidad".
Esta condena a dous anos implicará que o acusado xa non ingrese en prisión, pois xa cumprira un ano e dez meses de prisión preventiva e eses dous meses que restan non terá que cumprir entre reixas.
Relacionadas:
-
O home que matou o seu irmán en Guillán é condenado a dous anos de cárcere
Por Redacción |
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción |
-
Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |