Acordo para iluminar o ámbito da ponte de Monte Porreiro e executar a zona verde de Pasarón
Por Alejandro Espiño
218.000 euros investirán Deputación e Concello de Pontevedra para dotar de alumeado público ao novo acceso oeste a Montecelo a través da rúa Médico Ballina e a nova ponte de Monte Porreiro. Así se recolle no convenio asinado este venres polo presidente da institución provincial, Rafael Louzán, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Completarase desta forma a actuación realizada neste punto da cidade e cederase todo o ámbito ao concello.
Na zona construíronse sendas peonís que, segundo Fernández Lores, son utilizadas "cada vez máis" por numerosos viandantes para dar "paseos a horas nocturnas", razón pola que é preciso complementar a actuación realizada e dotar ao tramo de iluminación para evitar riscos, antes de entregar a obra ao Concello. Estes traballos executaranse a medias entre ambas administracións, que agardan telos completados en breve.
Este acordo ven a completar a actuación realizada neste punto da cidade de Pontevedra para construír un novo acceso ao complexo hospitalario de Montecelo, canalizando o tráfico procedente da zona norte e oeste para evitar a súa entrada na cidade. Con el conseguiuse ademais, sinalou o alcalde, que o barrio de Monte Porreiro deixase de ser un "fondo de saco" desde o punto de vista viario e estea conectado directamente co norte da provincia.
Neste vial investíronse en total 5,2 millóns de euros e, en virtude de dito acordo, o Concello transferiu á Deputación a antiga sede da delegación de Educación, colindante co Pazo Provincial e hoxe Edificio Administrativo da Deputación na avenida de Montero Ríos.
Esta colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación estenderase a outras actuacións que ambas partes acordaron executar en vindeiras datas. Froito deste acordo, a institución provincial afrontará obras de mellora en diversas rúas da cidade que, no seu día, foron estradas da súa propiedade. En concreto, na estrada dende Rosalía de Castro e Mollabao a Salcedo ou na estrada interior dende Pedra do Lagarto ata Marcón.
Ademais, rematarase o aparcamento e a zona verde do estadio de Pasarón e a súa conexión coa capela de Santiaguiño do Burgo pola parte sur do campo de fútbol, unha actuación que mellorará a entrada á Tribuna do estadio, así como os accesos a o futuro local social dos veciños. Solucionarase así, segundo Louzán, "un lodazal que non é bo para nadie". As obras asumiranse con cargo ao Plan Provincial de Obras da Deputación.
Fernández Lores e Louzán, que cualificaron de "positivos" estes acordos, anunciaron tamén que a próxima semana Eptisa entregará o proxecto do pequeno cinto circulatorio de Príncipe Felipe. Con respecto á planta de compostaxe, avanzaron que xa se encargou un estudo de viabilidade que determinará, entre outros aspectos, a tecnoloxía máis apropiada, a capacidade de tratamento ou a man de obra necesaria, e realizará un análise de gastos e ingresos.
Relacionadas:
-
Que se faga a luz!... e acenderon os novos farois de Monte Porreiro
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Adxudican máis de 400.000 euros en obras ás empresas Setga e EC Casas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello recibe uns 30.000 metros cadrados de espazo público no barrio de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
60.000 euros para colocar lámpadas LED no alumeado público do Castañal
Por Alejandro Espiño |
-
Intenso debate público entre Lores e Louzán sobre se debe ou non gobernar a lista máis votada
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello e a Deputación de Pontevedra acordan telefónicamente un Plan de iluminación
Por Oskar Viéitez |