Que se faga a luz!... e acenderon os novos farois de Monte Porreiro
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O novo acceso a Monte Porreiro desde a rotonda de Médico Ballina xa é máis facilmente transitable en horas nocturnas.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acenderon o novo alumeado cun mando a distancia chanceando coa cita bíblica "Que se faga a luz!".
Prendidos os farois os dous mandatarios foron xuntos a dar un longo paseo por Monte Porreiro falando das súas cousas.
Este novo servizo de alumeado contou cun orzamento total de 218.196 euros financiados ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello.
Con estas obras, a estrada conta cun sistema de iluminación de baixo consumo, con lámpadas LED de 64 watios, que permiten unha perfecta iluminación tanto das sendas peonís como dos carrís bicis e da calzada.
A obra executouse en dous tramos. O primeiro deles, comprendido entre Porta do Sol e a Avenida de Buenos Aires, executouno a Deputación e supuxo un orzamento de 112.224 euros, financiados con fondos propios.
Os traballos supuxeron a colocación dunha columna cuádrupla na rotonda de Lérez, con 4 luminarias, e outros 35 puntos de luz distribuídos desde a citada rotonda ata a Avenida de Buenos Aires, xa na entrada de Monte Porreiro.
Pola súa banda, o concello executou os traballos do tramo II, cun investimento de 105.972 euros, desde a Porta do Sol á rotonda de Médico Ballina.
Desta forma, complétanse os traballos deste vial, que non só da acceso a Monteporreiro, senón que tamén serve para canalizar o tráfico procedente da zona norte e oeste que se dirixe a Montecelo e Príncipe Felipe, evitando a súa entrada na cidade.
Este acceso tivo un custe de 5,2 millóns de euros e levouse a cabo tamén en dúas fases, unha primeira entre a Porta do Sol e a avenida de Buenos Aires, adxudicada a Sercoysa en 4,6 millóns; e unha segunda, dende Médico Ballina á Porta do Sol, adxudicada a Construcciones Crespo en 577.000 euros.