Presentan en Pontevedra MOV3, o primeiro directorio web de moda sostible de Galicia
Por Redacción
En Pontevedra déronse, o pasado mes de xaneiro, os primeiros pasos para a creación do colectivo MOV3. Foi nunha xuntanza que reuniu a marcas, deseñadores, tendas de venda de roupa sostible e segunda man e estudantes de moda. A súa filosofía de traballo, que outra forma de producir e consumir moda é posible. E de novo, a cidade do Lérez volveu a acoller outro dos fitos desta iniciativa.
A Casa das Campás acolleu a presentación do primeiro directorio web de moda sostible de Galicia (www.mov3.gal), que reúne diferentes iniciativas, con distintos estilos e públicos, que se están a desenvolver na comunidade galega unidas baixo un mesmo principio: apostar polo camiño cara a eco sostibilidade, o uso responsable dos recursos naturais, a produción local e o respecto e trato digno ás persoas.
A web presentada por Fernanda Couñago, directora da ONG Amarante Setem, e pola deseñadora María Almazán, coordinadora de MOV3, busca dar resposta á crecente demanda da sociedade de facer un consumo responsable de roupa, persoas que queren consumir doutro xeito e se senten perdidas na busca de alternativas. Neste senso, ambas sinalaron que a páxina web permitiralles ter acceso de primeira man ás ofertas existentes en Galicia.
"Esa é unha das patas de MOV3, xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo e crear sinerxías para o consumidor que queira achegarse a esta proposta", explicou María Almazán, que destacou que o directorio reúne a marcas máis consolidadas no eido da moda sostible, xunto con outras iniciativas que están iniciando o seu camiño pero que teñen unha vontade clara de apostar por este modelo.
A presentación da web, que congregou a profesionais vinculados ao mundo da moda, colectivos e persoas interesadas na produción e consumo sostible de roupa, tamén incluíu a presentación de varios proxectos dos integrantes do colectivo e unha performance artística a cargo do artista vigués Ash Santos, unha acción de live-painting con técnicas mixtas nun gran lenzo que representa os distintos proxectos que compoñen MOV3.
Xunto a esta páxina web, desde o comezo de MOV3 a principios de ano desenvolveuse un plan formativo no que ademais de clases teóricas sobre distintos aspectos da moda sostible se promoveron traballos colectivos entre os distintos participantes e que comprenden produtos tan variados como unha mochila infantil, denim eco, prendas ao redor do concepto das algas e unha liña de vestidos de noiva ecolóxicos.
A presentación contou co apoio da Universidade de Vigo, no marco do proxecto Green Campus que se desenvolve no campus de Pontevedra.