Móbiles vellos e ordenadores "escarallados" teñen unha cita coa reciclaxe no campus
Por Redacción
Co propósito de fomentar unha correcta reciclaxe dos aparellos eléctricos e electrónicos que con frecuencia rematan no fondo dun caixón, desde a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra veñen de impulsar unha nova campaña de recollida que se desenvolverá ao longo da presente semana.
Nos accesos aos diferentes centros do campus da Xunqueira instaláronse para a ocasión unhas caixas nas que calquera persoa pode depositar aqueles móbiles vellos, radios, ordenadores... e outra serie de dispositivos tecnolóxicos aos que xa non dean uso, para que sexan recollidos e tratados por un xestor autorizado.
"Trátase da segunda vez que se fai esta recollida dentro do proxecto Green Campus, xa que é un dos compromisos incluídos no seu plan de acción", sinala o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, dunha iniciativa que se levou a cabo por primeira vez o pasado mes de maio e que fixo posible a recollida de máis de 50 aparellos electrónicos.
A concienciación será un dos propósitos centrais dunha campaña de recollida que se estenderá ata este venres 5 de febreiro coa instalación de caixas para depositar estes residuos nas entradas das diferentes facultades e escolas, así como na Casa das Campás, na Escola Infantil e no Pavillón Universitario.